A deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, supervisou esta mañá no parque de maquinaria da Deputación a saída do camión
Este envío de material recollido por concellos de toda a provincia e a colaboración de varias entidades sociais realizouse a través da Asociación Galega de Axuda a Ucraína
Con este xa son catro os camións que saíron cara Polonia e Ucraína dende o centro loxístico instalado no parque de maquinaria, cada un deles cargados cunha media de 30 toneladas de material humanitario
A deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, supervisou esta mañá no parque de maquinaria da Deputación de Ourense, situado no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, a saída dun novo envío de axuda humanitaria para Ucraína. Este envío realizouse en colaboración coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína, cuxa presidenta e secretario, Natalia Afónina e Antonio Corredoira, tamén estiveron presentes xunto á edil de Servizos Sociais do Concello de Ourense, Eugenia Díaz Abella, ademais de persoal da Deputación.
Luz Doporto destacou que “son xa catro os camións que partiron do parque da maquinaria da Deputación dende o comezo do conflito bélico cara Polonia e Ucraína, cunha media de 30 toneladas cada un”. A deputada salientou especialmente que este envío “inclúe ademais de materiais de primeira necesidade como roupa e alimentos, doados por todos os concellos da provincia, outro tipo de materiais cedidos por diferentes entidades”.
A deputada tamén aproveitou a ocasión para mostrar o seu agradecemento ao persoal que traballa nas instalacións habilitadas pola Deputación para coordinar a resposta dos concellos da provincia ante a crise humanitaria que sofre o pobo ucraíno, xa que “sen eles, que traballan dun xeito incansable, non sería posible a resposta que estamos a dar ante esta situación”.