A Deputación fortalece a colaboración co Concello de Quintela de Leirado na procura de mellores infraestruturas para a veciñanza

IES CHAMOSO LAMAS


Manuel Baltar mantivo no Pazo Provincial un encontro de traballo co alcalde, José Antonio Pérez Cortés, no que se analizaron as novas propostas de cooperación formuladas polo rexedor. Unha reunión que o presidente do goberno provincial cualificou como satisfactoria pois reforza a colaboración con este concello

A Deputación financiará a mellora e acondicionamento de camiños en catro núcleos de poboación. “Unhas obras moi necesarias dado o estado de deterioro destas vías”, apuntou José Antonio Pérez

HIPER MASIDE

Como presidente da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos Terra de Celanova, Pérez Cortés agradeceu tamén o compromiso de Manuel Baltar “para manter aberto un centro ocupacional que hoxe atende a 18 rapaces, no que traballan 7 monitores e se ofrecen ata unha ducia de obradoiros”. Nesta liña, a fundación recibe unha achega anual de 40.000 euros da Deputación para apoiar as súas actividades

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo no Pazo Provincial un encontro de traballo co alcalde de Quintela de Leirado, José Antonio Pérez Cortés, no que se analizaron as novas propostas de cooperación formuladas polo rexedor para ofrecer á veciñanza as mellores infraestruturas. Unha reunión que o presidente do goberno provincial cualificou como satisfactoria pois permitirá fortalecer a colaboración con este concello da comarca de Terra de Celanova.

Manuel Baltar comprometeu o apoio da Deputación aos proxectos presentados polo alcalde, entre os que figuran a mellora, acondicionamento e pavimentación de camiños nos núcleos de Corredoira, Outeiro, Alcouce e Beade, por un importe total de 96.000 euros. “Unhas obras moi necesarias para a veciñanza destas localidades dado o estado de deterioro destas vías”, apuntou José Antonio Pérez.

Dentro deste capítulo de infraestruturas, o rexedor puxo de relevo o “decidido apoio” da Deputación na mellora das comunicacións, tanto nas conexións dentro do propio municipio como cos concellos limítrofes. Preto de 500.000 euros investidos nos últimos catro anos que, entre outras actuacións, “permitiron rematar a estrada que enlaza Quintela con Celanova, reducindo notablemente os tempos da viaxe entre ambas localidades”.

Ademais, José Antonio Pérez destacou a cooperación do goberno provincial con 126.000 euros para a construción do edificio multiusos e máis de 46.000 para a apertura do Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial -un feito singular na historia deste municipio-, así como tamén dunha achega de 150.000 euros para o cofinanciamento das obras incluídas no Plan Hurbe da Xunta de Galicia para a humanización de rúas en San Pedro de Leirado

Apoio á atención ás persoas con discapacidade

Nesta reunión de traballo, Manuel Baltar e José Antonio Pérez tamén abordaron as liñas de cooperación abertas entre a Deputación e a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos Terra de Celanova, da que é presidente o propio alcalde de Quintela de Leirado, e que vén de recibir unha achega de 40.000 euros para gastos de funcionamento. Unha axuda incluída dentro da programación orzamentaria anual do goberno provincial, dentro do seu decidido apoio ao tecido social ourensán. 

José Antonio Pérez subliñou a importancia da colaboración da Deputación “para manter aberto un centro ocupacional que hoxe atende a 18 rapaces, no que traballan 7 monitores e se ofrecen ata unha ducia de obradoiros”. A fundación foi creada no ano 1997 e ten como obxectivo favorecer a integración das persoas con discapacidade intelectual.