O Inorde aposta pola revalorización dos residuos agrogandeiros

No marco do proxecto europeo “Circular Labs”, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico organizou esta mañá unha actividade denominada “Circular Deals” no Centro Agrogandeiro Provincial, ubicado en Xinzo de Limia

A xerente do Inorde, Emma González, resaltou como balance da xornada a importancia de “crear redes de traballo entre os operadores privados e as administracións públicas para impulsar a formación e novos modelos rendibles, que garantan a o relevo xeneracional no agro galego”

AVANTAR ACTIVIDADES

O Inorde organizou esta mañá unha xornada de traballo denominada “Circular Deal de Xestión e Revalorización dos Residuos Agrogandeiros”, co fin de analizar os retos e oportunidades que trae consigo a implantación dun modelo circular nos sectores agrícola e gandeiro, que persegue non só evolucionar cara unha xestión respectuosa co medio ambiente, senón tamén incrementar a rendibilidade das explotacións.

Na xornada, que abriu a xerente do Inorde, Emma González, participaron, en calidade de expertos, Jesús Díez, director de Proxectos da Fundación Patrimonio Natural de Castela e León, quen presentou os obxectivos do Circular Deal (Trato Circular) no contexto do proxecto Interreg-Poctep Circular Labs; Alfredo Rúa, xefe de Área de Calidade de Seguridade Alimentaria do Servizo de Gandeiría da Consellería do Medio Rural para explicar o funcionamento da xestión dos residuos gandeiros en Galicia, e o investigador da UVigo Miguel Rodríguez, que presentou o traballo en rede como fórmula para impulsar un ecosistema de economía circular. A sesión contou tamén con experiencias desenvolvidas en Galicia a cargo de Josefa de León Blanco, directora de competitividade estratéxica de Agroamb Prodalt S.L., e Celia Castro, responsable técnica de CETAQUA Galicia.

Tralas exposicións tivo lugar unha mesa de debate na que se abordaron aspectos como os canais de recollida para a reutilización, a comercialización de subprodutos, e a integración dos diferentes actores na cadea de valor, desde gandeiros e agricultores ata empresas de investigación, tratamento, recollida e transformación.

Alianza público-privada

Entre as conclusións desta xornada, a xerente do Inorde resaltou que “o aproveitamento dos subprodutos da gandería e a agricultura precisa de crear redes de traballo entre os operadores privados e as administracións”. Esta cooperación público-privada, resaltou Emma González, “permite desenrolar a formación e buscar modelos rendibles como o agrocompostaxe, para garantir o relevo xeneracional no agro galego”. 

O proxecto “Circular Labs – Promovendo o espírito empresarial para a economía circular no espazo ibérico” está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O obxectivo deste proxecto é integrar a economía circular en novos modelos de negocio, habilitando espazos para a creatividade, a xeración de ideas e a adaptación ao cambio, que contribúan a acelerar a transición do modelo “lineal” ao modelo “circular” baseado na eficiencia no uso dos recursos. 

Ao longo da execución que finaliza este ano, leváronse a cabo diferentes actividades, a máis salientable foi a dotación do “rural lab” no Centro Agrogandeiro de Xinzo, “unha acción que agardamos sexa catalizador de novos proxectos que contribúan a integrar ao sector agrícola e gandeiro da provincia de Ourense na economía circular”, lembrou a xerente do Inorde.