Stop Eólicos Xurés Celanova enfronta outros dous proxectos de Greenalia que ameazan o medio e ás poboacións de dez concellos

  • A plataforma alega contra o P.E. Fontesanta (Bande, Verea, Rairiz) e contra a Liña de Alta Tensión de 42 quilómetros que atravesa Calvos de Randín, Porqueira, Bande, Verea, Celanova, Quintela de Leirado, Pontedeva e Padrenda (e afecta un núcleo de Gomesende).
  • Mañá xoves, en Celanova, e o próximo luns, en Xinzo, disporá mesas informativas e de recollida de sinaturas.
  • Critica a hipocrisía do Concello de Verea que se opón á LAT mentres apoia os polígonos eólicos no Monte da Neve e no Monte Grande, malia que os impactos que sinala no caso da LAT multiplícanse no caso dos aeroxeradores.

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova disporá mañá durante a feira semanal en Celanova (si o tempo o permite) unha mesa de recollida de alegacións contra 2 proxectos de Greenalia que amplían a invasión eólica do suroeste ourensán entre o Larouco-Xurés e o Laboreiro. O próximo luns, día de feira en Xinzo, ten a intención de repetir a mesma acción na última semana de exposición pública dos dous proxectos. Trátase do P.E. Fontesanta: unha ducia de aeroxeradores no Monte Grande, entre Bande, Verea e Rairiz de Veiga, con graves afeccións aos humidais e un impacto grave na paisaxe da Baixa Limia e no patrimonio histórico e natural que garda esa área; e da LAT Lamas de Feás-A Frieira: unha liña de alta tensión de 240 torres e 42 quilómetros de percorrido que afecta veigas, aldeas, carballeiras e espazos protexidos e anuncia novos desenvolvementos eólicos entre a raia e o Miño.

Contra o P.E. Fontesanta.

AVANTAR ACTIVIDADES

As advertencias de Stop Eólicos Xurés Celanova a respecto do proxecto eólico no Monte Grande teñen que ver en primeiro lugar coa ausencia dunha avaliación completa e que teña en conta tanto o P.E. do Vieiro, operativo, o P.E. Monte da Neve, en tramitación, e da referida LAT, que representan en realidade partes dun mesmo plan de reconversión dos nosos montes en solo industrial. Estes tres polígonos, e os que están a ser ofertados por diversas empresas (en Verea e en Rairiz, por exemplo, onde xa circulan planos e contratos) evidencian a dimensión da ameaza eólica sobre esta parte do territorio.

É unha ameaza que comeza nas operacións de Iberdrola aínda non concretadas entre o Larouco e o Xurés, onde proxecta tres novos polígonos; e continúa coa expansión de Greenalia cara  o norte do Parque Natural, ocupando con novos proxectos os montes máis altos e as áreas de acumulación de augas, desde a Aguioncha en Calvos até o Monte da Neve en Celanova, e trazando unha liña de evacuación para o servizo deses e doutros desenvolvementos eólicos nas terras altas que conservan o apreciado tesouro das augas.

No caso do polígono de Fontesanta (Bande, Verea, Rairiz), as ameazas directas teñen que ver coas afeccións sobre ríos e regatos e espazos como a Lagoa Grande e o Lago do Iermes. Tamén sufrirían unha afección inmediata a vexetación singular, unhas 50 hectáreas de carballeira e outras 30 hectáreas nas que a Xunta investiu para promover a formación de hábitats autóctonos prioritarios. Ademais, o plan de Greenalia remataría para sempre co uso predominante do Monte Grande, o uso forestal. Xunto ao anterior, tamén está ameazada a riqueza patrimonial do Monte Grande, un espazo no que hai constancia de poboamentos desde o Neolítico. En particular, o polígono afectaría ás mámoas e petróglifos da Fonte Santa, á mámoa e coviñas do Monte Raso, aos petróglifos da Lagoa Grande, e ao Foxo do Lobo das Covateiras. En canto aos impactos na paisaxe, o proxecto sitúase en zona da Reserva da Biosfera Xurés-Gerês, a só 7 quilómetros da área oeste do Parque Natural do Xurés e a 10 da área sur.

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova tivo ocasión de participar nunha xuntanza de Greenalia con veciñas e veciños de Bande, convocada pola alcaldesa. Nesa mesma reunión, denunciou a desinformación da que son vítimas veciños e comuneiros, tanto por parte da empresa como do goberno municipal como de avogados que din defender aos comunais mentres só lles ensinan cartos. A alcaldesa de Bande, Sandra Quintas (PP), rexeitou nesa reunión o ofrecemento de Stop Eólicos Xurés Celanova de ampliar a información a disposición dos veciños. En realidade, a alcaldesa leva oito meses sen responder a unha solicitude formal de entrevista por parte da plataforma, da quen fan parte varias veciñas e veciños de Bande e de concellos lindeiros afectados pola infraestrutura que se proxecta sobre o Monte Grande.

Contra a LAT de 240 apoios.

As advertencias de Stop Eólicos Xurés Celanova a respecto da LAT de 42 quilómetros entre o proxecto de Greenalia P.E. Lamas de Feás (e o proxecto aínda oculto e fragmentado do primeiro, Lamas II) e a subestación do encoro da Frieira, no Miño, subliñan os impactos sobre distintas poboacións que fican moi próximas á infraestrutura. Estas poboacións son Serois, Lobás, Vila (Calvos de Randín); Reboreda e Paradela (Porqueira), Güín, Carpazás, Trarigo (Bande); Vieiro, Portela, Fontechide (Verea); Miranzo, Moimenta, Orbán, O Pereiro (Celanova); Ataínde, Quintela de Leirado (Quintela de Leirado); Abellás (Gomesende); Aldea de Deva (Pontedeva); Grixó, As Lamas, Ameán, Lordelo e A Agra (Padrenda), a menos de 1 quilómetro do trazado previsto.

Tamén alerta Stop Eólicos Xurés Celanova de que a LAT invade a Reserva da Biosfera Xurés-Gerês, produce impactos directos sobre a ZEPA/LIC A Limia/Veiga de Ponteliñares, atravesa veigas como a do río Lobás e a veiga do Limia en Ponteliñares, humidais como os do Monte Grande e os do Monte da Neve, afecta, ademais do Lobás e do Limia, aos ríos Tuño e Deva, e produciría un impacto paisaxístico severo sobre bens patrimoniais desde a Torre da Forxa en Porqueira ás ermitas de Abellás, San Pedro e a igrexa da Portela. 

A día de hoxe, Stop Eólicos Xurés Celanova ten constancia das alegacións elaboradas e ofrecidas á veciñanza por parte dos concellos de Porqueira e de Verea. No caso do segundo, gobernado por José Antonio Pérez Valado (BNG), o escrito de alegacións, de 7 páxinas, é un resumo dos argumentos ecoloxistas contra as infraestruturas eólicas e nel indícanse posíbeis impactos da LAT sobre a saúde humana, o medio natural, a paisaxe e o patrimonio. As alegacións son un exercicio de hipocrisía dun goberno municipal que non só NON se opuxo ao P.E. Monte da Neve (Verea, Celanova) nin se opón polo momento ao P.E. Fontesanta, en período de alegacións, MALIA QUE OS IMPACTOS QUE SE PREVÉN DAS TORRES E DO TENDIDO SON MOITO MÁIS GRAVES NO CASO DOS AEROXERADORES DE MÁIS DE 180 METROS E PROXECTADOS NUNHA LIÑA DE APENAS 10 QUILÓMETROS entre Bande e Celanova, con 3 polígonos en proxecto. Ademais, veciños de Verea membros da plataforma puideron asistir a reunións convocadas polo alcalde con novas empresas que ofrecen novos proxectos eólicos nesa mesma área.

Por outro lado, o Concello de Verea, amparándose nunha interpretación moi restritiva da lei, impediu que membros da plataforma rexistrasen alegacións a nome de terceiros, como si puido facerse en concellos como Celanova, Xinzo, Calvos de Randín ou Baltar, entre os que máis volume de alegacións veñen tramitando desde o pasado verán. Stop Eólicos Xurés Celanova, como parte da coordinadora Eólica Así Non, levará a denuncia desta práctica, que obstaculiza o dereito á participación cidadá nos procedementos deste tipo, diante da Comisión Europea.