A CEO e a Xunta de Galicia analizan polo miúdo os Bonos de Innovación

As oficinas de Conecta Ourense asesoran e fan seguimento agora mesmo a máis de 30 empresas da provincia nas súas tramitacións, e xa informaron a máis de 200 sobre o mapa de apoios público

  • Unha sesión informativa repasou todas as características destas novas axudas da Xunta
  • O programa subvenciona ata o 70% do investimento na contratación de servizos de innovación
  • David Martínez, presidente do colectivo de autónomos, salientou que as oficinas Conecta Ourense da CEO están funcionando para axudar ás empresas a detectar o seu potencial innovador
  • A explicación da directora de servizos de Gain, Patricia Fernández, completouse coas achegas dos responsables das empresas Beta Implants e Formato Verde

Martínez salientou que este tipo de xornadas serven para dar a coñecer e explicar as axudas que a administración galega pon a disposición das empresas, neste caso concreto para accións innovadoras, e que as oficinas Conecta Ourense da CEO encárganse de asesorar sobre todo o mapa de apoios. Lembrou ademais que este proxecto de Conecta Ourense xurdiu hai catro meses a través dun convenio coa Xunta de Galicia precisamente para detectar o potencial innovador das empresas e axudalas na tramitación destas axudas. Martínez destacou que ‘polo de agora, estas oficinas e os recursos cos que contan tanto en Verín como no Barco e Ourense, asesoran e acompañan a máis de 30 empresas nas que detectaron potencial e nas que fan seguimento para axudalas coas tramitacións, e das actividades de información e asesoramento beneficiáronse tamén máis de 200 empresas, ben presencialmente ou por medios telemáticos’. _ Os novos Bonos de Innovación convocados recentemente pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, Gain, foron o eixo central dunha xornada en formato mixto desenvolta hoxe na  CEO e retransmitida tamén en directo vía internet.

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente dos autónomos ourensáns e directivo da CEO, David Martínez, deu a benvida a unha sesión na que se encargou das explicacións a directora da Área de Servizos de Gain, Patricia Fernández, coas achegas dos representantes de empresas que colaboraron para explicar os custos subvencionables destas axudas baseados na súa propia experiencia con programas similares que conteñen os mesmos conceptos. Estes foron Antón Rodríguez responsable de I+D da empresa Beta Implants, e Marcos Jorge, fundador de Formato

A directora da área de servizos de Gain, Patricia Fernández, explicou as características máis salientables destas axudas á innovación, publicadas por primeira vez e que forman parte do conxunto de medidas da Xunta dentro do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, como ReAcciona, a aceleradora Galicia Avanza, InnovaPeme,  DeseñaPeme ou os préstamos  IFI Innova.

Patricia Fernández destacou a importancia da innovación como elemento de diferenciación e de mellora significativa nas empresas, sobre todo se é en algo que non se fixera anteriormente, e salientou a importancia da planificación, sobre en tempos como os actuais, para levar a cabo os proxectos de innovación, xa que estes precisan persoas, tempo e coñecementos externos en moitos casos. O orzamento, engadiu, é tamén un factor importante para levar a cabo a innovación  e salientou que nesta experiencia piloto dos bonos tentaron axilizar e facilitar tanto a tramitación como a xustificación.

Os Bonos de Innovación son axudas ás microempresas e pemes que levan a cabo actividades de innovación a través da contratación de servizos profesionais externos que lles permitan dar un salto cualitativo e cuantitativo na súa labor de I+D+i a curto prazo e lle infiran tamén capacidade de resposta necesaria para os retos actuais das empresas a través da innovación.

Deste xeito, o programa contempla dúas liñas de bonos: para servizos de apoio á innovación, e para a xestión do financiamento da innovación. Entre os primeiros destacan os custos da protección do coñecemento da innovación industrial, ou os de transferencia de coñecemento, ademais das accións estratéxicas dirixidas ao desenvolvemento ou comercialización de novos produtos, procesos e servizos que conduzan á mellora da competitividade empresarial en etapas previas á comercialización.

A subvención destes custos de contratación de servizos externos, que deberán estar efectuados entre o 1 de xaneiro deste ano ata o 21 de outubro,  pode alcanzar o 70% do investimento chegando a un máximo de 35.000 euros no caso do bono de servizos e ata 10.000 para o de xestión. O prazo para solicitala remata o próximo 11 de xullo.

Tanto Antón Rodríguez como Marcos Jorge explicaron as súas experiencias en innovación en empresas de sectores como a biomecánica e deseño de implantes para veterinaria, no caso de Beta Implants;  ou  Formato Verde, dedicada ao  equipamento para a recollida de residuos urbanos. A creación dun departamento de I+D e as vivencias na implantación de sistemas innovadores como ferramentas de competitividade foron os eixes das súas intervencións.