Últimos días para presentar traballos para o XXXII Premio Carracedo de Xornalismo

O vindeiro 30 de xuño remata o prazo para a presentación de traballos para o XXXII Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, galardón convocado pola Deputación de Ourense para recoñecer a traxectoria profesional dun xornalista e para premiar unha peza xornalística destacada, publicada ao longo do 2021 nun medio de comunicación

Poderán optar todos os profesionais ou colaboradores habituais que exercen o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais, en calquera das súas modalidades.

AVANTAR ACTIVIDADES

O vindeiro 30 de xuño remata o prazo para a presentación de traballos para o XXXII Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, galardón convocado pola Deputación de Ourense para recoñecer a traxectoria profesional dun xornalista e para premiar unha peza xornalística destacada, publicado ao longo do 2021 nun medio de comunicación.

En ámbolos dous casos será tida especialmente en conta a vinculación, tanto do xornalista coma da obra, con Galicia e Ourense, así coma a realización de e presentación de ditos traballos en lingua galega.

O “Xosé Aurelio Carracedo” foi instaurado como lembranza do xornalista ourensán do que recibe o seu nome e ten como principal obxectivo recoñecer e defender un xornalismo de calidade. Está premio está dotado no caso da mellor traxectoria con 3.000 euros e, no caso da peza xornalística, con 1.500 euros.

A este certame poderán optar todos os profesionais ou colaboradores habituais que exercen o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais, en calquera das súas modalidades. As propostas poden ser presentadas tanto polos propios interesados coma pola dirección do medio no que foron publicadas, así coma institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado.

O xurado do premio estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vogais estarán: un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, un representante da Federación de Asociacións de Periodistas (FAPE), un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e un representante da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo. Actuará como secretario do xurado, con voz pero sen voto, o asesor de Comunicación da institución provincial.

Con respecto ao modo de envío de das propostas deberán ser presentadas de xeito exclusivo pola páxina web da Deputación de Ourense (https://www.depourense.gal/), no apartado “XXXII premio de periodismo ‘Xosé Aurelio Carracedo”. No formulario habilitado ó efecto, os participantes deberán de facer constar os seus datos persoais así como o traballo ou traballos que presenten para o premio.

No caso de prensa, os traballos enviaranse escaneados nun arquivo PDF; no caso de radio, os audios presentados deberán ser en formato mp3; no caso de televisión, será necesario o envío do enlace ao vídeo para poder visualizar e descargar o traballo a valorar; no caso de fotografía, os arquivos deberán enviarse en formato PNG ou JPG da foto e da páxina onde se publicou dita imaxe (esta en formato PDF). Finalmente, no caso de traballos en xornais dixitais, os arquivos deberán estar escaneados en formato PDF e o enlace a web na que figura dito traballo.

Para todas as modalidades, os participantes achegarán unha declaración asinada polo autor/autores do traballo (en formato PDF), na que certifican a súa autoría e a publicación/ emisión da obra presentada a este certame, facendo constar o nome do medio de comunicación e a data na que foi publicada/emitida. Se os traballos foron publicados/ emitidos sen asinar ou con pseudónimo, deberá achegarse un certificado do director do medio, no que conste a data de publicación/ emisión e o nome do autor/es.

A participación neste premio periodístico implica a aceptación das bases e quedan excluídos de participar neste certame os funcionarios e o persoal laboral da Deputación de Ourense.

As bases do premio poderán consultarse no seguinte enlace:

https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=128&fecha=20220606