A XXXVIII edición da Carreira Popular de Leiro reunirá este domingo a máis de 550 participantes

Presentación da XXXVIII Carreira popular de Leiro. Asisiten Cesar Fernández (Vicepresidente da Deputación Ourense),Manuel Pérez (Representanta de Xunta), Ramón Álvarez (Tenente de Alcalde de Leiro), e Luis Iglesias Raña e Jorge Janeiro Rodríguez (Organizadores da proba).

Leiro celebrará este domingo, día 3 de xullo, a súa clásica carreira popular, unha das máis antigas de Galicia, alcanzando este ano as 38 edicións. A competición foi presentada esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial, coa presencia do vicepresidente segundo da Deputación e responsable dos asuntos de cooperación cos concellos do Ribeiro, César Fernández; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Pérez; o teniente alcalde de Leiro, Ramón Álvarez; o edil de Deportes do Concello de Leiro, Luis Iglesias e o membro da organización da proba Jorge Janeiro.

A XXXVIII Carreira Popular de Leiro, patrocinada pola Deputación de Ourense a través do Inorde, xa pechou o prazo de inscrición con máis de 550 participantes, un completo éxito segundo remarcan dende a organización. 

AVANTAR ACTIVIDADES

A Carreira Popular de Leiro, incluída dentro do Calendario Oficial da Federación Galega de Atletismo, consta duns 10 quilómetros na súa categoría absoluta e diferentes distancias para o resto de categorías, que comprenden dende os 5 quilómetros ata os 250 metros na categoría de pitufos. Esta proba permitirá a participación por equipos na máxima categoría, debendo rematar a proba como mínimo seis corredores do mesmo equipo para optar á clasificación.

O calendario de actividades enmarcadas dentro desta carreira popular tamén contempla o sábado a celebración de xogos populares e unha festa da escuma na Praza do Cruceiro de Leiro, ademais do propio domingo dun concurso fotográfico e animación polas rúas durante o percorrido da proba.

A carreira popular poderá ser seguida vía streaming a través deste enlace https://carreirapopulardeleiro.ccnorte.com/, con retransmisión en pantalla xigante dende a Praza do Cruceiro de Leiro.