Gabriel Alén salienta os traballos da Xunta no monte “Serra da Peneda”, en Arnoia, como exemplo de prevención do lume

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado do alcalde, Rodrigo Aparicio, as actuacións de prevención contra o lume que a Consellería do Medio Rural está a desenvolver no Monte de Utilidade Publica do Concello de Arnoia, nomeado “Serra da Peneda, San Miguel, Novelle e Carixa”, que consta de 600 hectáreas de extensión con uso forestal e en plena produción.

O delegado territorial explicou que estas actuacións son un exemplo das medidas preventivas que está a desenvolver a Xunta para a loita contra os lumes forestais. Deste xeito, na provincia de Ourense dende o ano pasado estase traballando en 3.718,4 hectáreas de cortalumes, 2.334,97 km de pistas, 107 novos puntos de auga e 2.195 existentes.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén lembrou que a Xunta destina este ano un total de 33,1 millóns de euros ao Plan de prevención de incendios forestais, o que supón incrementar a súa dotación preto dun 13% respecto do exercicio anterior.

En total, con eses fondos está previsto actuar en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías. Deste xeito increméntanse lixeiramente as previsións canto á superficie de intervención, ao tempo que medra preto dun 16% a cifra de quilómetros. Ademais, neste plan tamén se establece como horizonte a construción de 111 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes. Isto suporá actuar nun total de 4.861 puntos.

O principal obxectivo deste plan preventivo é anticiparse aos incendios forestais ou que, no caso de que se rexistren, a súa propagación sexa a menor posible. Asemade, entre as súas finalidades específicas están as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais (GIF), elaborar a cartografía necesaria para planificar as actuacións preventivas con maior eficiencia ou deseñar unha rede infraestruturas preventivas correctamente dimensionada e mantela en bo estado de conservación. Trátase tamén de xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas e de fomentar actuacións silvopastorais e pasteiros.