A Xunta adxudica por máis de 394.000 euros as obras que dotarán de acceso o futuro parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212

Conectarase a estrada autonómica co viario interior do futuro parque de Lebozán, dándolle maior operatividade á área industrial e reforzando a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 394.322 euros as obras para dotar de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta actuación, adxudicada á empresa F. Gómez y Cía. S.L., ten como obxectivo que o futuro parque empresarial dispoña dun acceso cómodo e seguro desde esta vía autonómica, para reforzar a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio.

A departamento de Infraestruturas da Xunta prevé iniciar as obras no outono, ao estar fixado o acto expropiatorio de levantamento das actas de ocupación para o 1 de setembro. Os traballos contan cun prazo de execución de 4 meses, polo que o obxectivo é poder telos rematados a comezos de 2023.

Esta actuación é o resultado dun estudo onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada, a funcionalidade e a seguridade viaria. A solución concreta está recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz, desenvolvéndoa segundo o previsto no informe de sustentabilidade ambiental dese plan.

Actuarase na estrada OU-212 ao longo duns 250 metros, pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.

A obra inclúe a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde esta estrada cara á área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.

Na zona onde se realizará a nova conexión o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente.

Tamén se procederá á instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado