Felipe Senén: “Os inspirados veráns no Carballiño do sabio clérigo Chao Espina”

IES CHAMOSO LAMAS

Por Felipe-Senén

O Carballiño atrae, as súas augas medicinais, a natureza, o bo xantar, o trato agasalleiro… E a cousa ven de vello. Coñecemos a auguístas que non perdían a súa tempada, ou simplemente a veraneantes seducidos pola tranquilidade dos paseos pola beira do río, polo parque e ter onde xantar enxebre: o polbo, as anguías, as troitas, o bo xamón… a coidada repostería.  Forasteiros que dando cumprimento a un xeito de ritual viñan e, alá por onde ían,  facían propaganda pra volver, ano tras ano. Na Coruña, máis alá ou máis aquí, téñome atopado con empresarios, políticos, artistas, literatos, músicos, académicos, ou simplemente xentes anónimas, do común que ao escoitar o nome do Carballiño acendíanselle os ollos de ledicia. Dicir o Carballiño é un xeito de abracadabra que abre portas de diálogo e amizade. Poderiamos escribir unha nómina sen fin, que nas tabernas, nas rúas, no parque mesturaban o seu anonimato coas tradicións da vila, que recobraban forzas e mesmo anovaban a inspiración o diálogo íntimo coas musas e cos deuses, para unha nova ansia.

OZOCOgz Deseño Galego

Un deses persoeiros, tan grandullón como sabio, inxenuo, bo e xeneroso, dos de antes, era o sacerdote don Enrique Chao Espina (1908 Viveiro-1989 Coruña): cronista oficial de Viveiro, catedrático de latín, grego, sabedor de hebreo, de arameo e mesmo de sánscrito… amante de canto significaba Portugal e dos seus sempiternos vencellos con Galiza. Erudito merecente pois de todos os eloxios e máis deste seu amigo que tiven a sorte de ser. Crego rodeado desa aura de clasicismo que caracteriza a moitos outros pensadores vivarenses, os que tan ben saben agasallar á vida como á morte, pois velaí a sona do seu Entroido como do seu Viacrucis pola Semana Santa…cousas aprendidas tanto nas encrucilladas dos camiños ou do mar como á sombra dos claustros daqueles seus conventos baixo o cantado monte de San Roque.

 Don Enrique era de andar pousón, arrastrando os pes, como para asegurarse no chan e sempre coa carpeta das súas notas e creacións baixo o brazo. Pois era daqueles que seguían e superaban o proverbio do viaxeiro xeógrafo Plinio o vello, “nulla dies sine line”.  Pese á súa miopía emproaba a mirada, espreitante dende os seus lentes de cu de botella. Con algo de Quixote e de Pitágoras. O curriculo de Chao Espina, seino ben, é amplo, variado, mesmo tamén divertido, como el era : presumía de ter sido porteiro no equipo do seminario e que parou ducias de penaltis… de ser nadador en alta mar, así como de finas e estratéxicas xogadas no xadrez…seguido de toda ese aporte intelectual que máis se gaba nos cenáculos.  

Veu á vida no 1908, tempo no que naceron tantos renovadores da cultura galega, forzados tamén a vivir a guerra… finado na Coruña en 19 de xaneiro de 1989. Dicíamos que nel sentíamos esa aura vivarense, a que foi avivada nos seminarios de Mondoñedo e Lugo, que non foron pouca cousa, berce de poetas e creadores nos que se espallaba a teosofía,  o realismo máxico, ese xeito de fabular que vencella os espíritos dos devanceiros, os mitos, as lendas e o panteísmo céltico coas realidades. Pasa ademais pola Universidade de Zaragoza, onde estuda Filosofía e Letras, pra recalar en Compostela e doutorarse cunha tese necesaria e fundamental, referente sobre o seu paisano o filosofo romántico Nicomedes Pastor Díaz (1981-1863).

Pastor Díaz por Chao Espina

Pastor Díaz foi outro dos grandes humanistas tamén formado no Seminario de Mondoñedo e Lugo, en Leis en Compostela e Alcalá, amigo de Larra, de Espronceda, de Ventura de la Vega, de Zorrilla, a quen fixo prologo e poida que inspirara o seu transcendental “Juan Tenorio”. Pastor Díaz, poeta tamén e sobre todo  solicitado periodista, deputado en Cortes pola Coruña (1843), Ministro de Estado con Isabel II, Ministro de Comercio, de Instrución e Obras Públicas, fundador do Ateneo de Madrid, amigo de Javier de Burgos: unha das iconas do Rexurdimento, autor dunha “Galeria de Españoles célebres” (1841-1864). Chao Espina vai atopar no tema de Pastor Díaz un forte eslavón ou vencello con Otero Pedrayo, ambos moi prezados entre si. Don Enrique (a poucos lle aquece tanto o Don) foi profesor no instituto de Puertollano, catedrático na prestixiosa Escola de Comercio da Coruña, un centro caracterizado polo seu humanismo, así como do instituto Eusebio Da Garda, sempre lembrado con agarimo polos seus alumnos.

Reverendo señor, de altar e cátedra, peripatético tamén, preferindo os paseos por alí onde mellor se expresan a paisaxe e os cavilares, ribeirando os misterios da vida e do universo. Sempre disposto a compartir diálogo cos seus colegas, a ensinar e a axudar aos seus alumnos, aos que dificilmente suspendía, culpándose de tal. Membro de varias academias, tamén portuguesas, numerario da Academia Galega, un dos que,  en difíciles momentos da ditadura, foron capaces de gardar e seguir a acrecentar legados documentais, a crear infraestruturas propias e seguilas dotando para que sobre elas abriran camiño os vindeiros. Espazos coruñeses nos que compartiu amizade e inquedanzas co historiador da arte e arqueólogo Manuel Chamoso Lamas, a que mesmo prolongaba visitándoo na súa casa de Moldes e nos días de estancia no Carballiño.

Humano feito pois entre libros e para os libros. Autor de innumerables e variados traballos, dende os propios do seu oficio de sacerdote, os que implican a Arqueoloxía Sagrada, como de canto se refire ás relacións históricas culturais e sobre todo lingüísticas entre Galiza e Portugal… afondar nas lendas galegas, no bandoleirismo, tan en relación cos arrieiros e os mesoneiros; especialista nos tipos populares, velaí o “Barbas, barbudos y barbudas”, nos monstros dos mares galegos e nos temas mariñeiros, nos normandos en Galicia, na zooloxía, no Padre Feijoo e sempre en canto atinxe a Viveiro e a Otigueira: pois uns dos seus editores era David Fojo dende aquel seu templo de Ortigueira que foi a súa histórica Imprenta Fojo. Na liña doutros colaboradores, referentes de sona, como foron Federico Maciñeira ou Antonio Bascoy… Imprescindible pois en periódicos locais, os que mesmo reuniron a plumas como a de Cunqueiro ou Cela… Xornais locais que son un xeito de limpa resistencia literaria: “La Voz de Origueira”, habitual tamén nas páxinas do “Heraldo de Viveiro”… os que tanto teñen aportado.

Chao Espina escritos

Humanista que tece saberes, filosofías, tradicións, o realismo máxico de aparicións, trasnos, mouras, entre bandoleiros como os Balseiro, Mamede Casanova… e polo tanto no risco de non saber estruturar tanto coñecemento. Con tal bagaxe e nos momentos íntimos poeta e pintor, o que cultivaba nos seus días de acougo Carballiño namentres repensaba.

Sonnetos, pintura ao óleo cos que agasallaba aos amigos

Chao Espina coñecía perfectamente a cultura portuguesa, por tanto as súas orixes na Historia de Galiza, consultábame cousas, achados…e logo nas súas publicacións poñía os comentarios dos seus compañeiros de faladoiro, favorecendo o seu criterio. iso si, ennobrecendo canto atinxira á Historia de Galiza e sobre todo a Viveiro, a Ortegal , aos amigos e ao universo Mindoniense, o mundo no que se sentía radicado. Algo ben entendido por esa vila culta da que, por iniciativa do sensible escritor e animador cultural, Manuel López Foxo, no 1988 foi nomeado, Fillo Adoptivo de Ortigueira.

Pois Chao Espina era devoto de poucos lugares, entre eles nas terras de Xermade a parroquia  Roupar … e  polo primeiro outono, despois das festas escollía o Carballiño. Lixeira a súa maleta, na que non faltaba a carpeta de folios e libros, nin o traxe gris, clériman, tipo protestante. Con parada e fonda na Casa Rogelia, despois nas “Colonias” do Soto mercaba óleos e lenzos sobre os que pintar e nos momentos de espera, namentres secase a pintura, escribía, poemas, gran sonnetista, versos dedicados ás paisaxes e ás paisanaxes, aos amigos que o acollían, a Chamoso, a Otero Pedrayo, á vila… E rematada a súa obra regaláballas a quen o escoitaba ou o admiraba, como tamén o era Juan o da Casa Rogelia,  que ben sabia do seu cliente. Son posuidor de varias obras e outras que regalei ao meu sempre lembrado amigo, tamén vivarense e especialista en termalismo, o doutor Fausto Galdo, bo coñecedor das propiedades das augas do Carballiño.  O certo é que Chao que non era bo pintor, iso si ansia non lle faltaba: pinceladas rápidas, impresionistas, dadas do tubo ao lenzo sen demasiadas alquimias prevías e sen pasar pola paleta. Agora aquelas pinturas, as páxinas, os seus libros son como xanelas abertas á inmensidade do humanismo.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño