Marina Ortega do grupo socialista propón á Xunta que aplique medidas para reducir os tempos de espera para as axudas da dependencia e o PP vota en contra

Marina Ortega critica a negativa do PP a remitir ao Parlamento un informe sobre as case 10.000 solicitudes non gravadas no sistema de dependencia

A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, pediu hoxe á Xunta que aplique medidas para reducir os tempos de espera para as axudas da dependencia. Fíxoo, hoxe, tras defender unha moción, á que se opuxo o Partido Popular, substanciada na interpelación debatida na anterior sesión plenaria coa conselleira de Política Social sobre os equipos de valoración e dependencia.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A espera media para a resolución das situacións de dependencia é de máis de 400 días cando a lei marca que esta non pode superar os seis meses”, denunciou a socialista, o que supón que Galicia “tarda máis do dobre de tempo do que a lei permite, e en Ourense moitísimo máis”.

O motivo desta tardanza é que a Xunta “non está sendo dirixente nin responsable, nin está investindo o necesario”, censurou a socialista, quen lembrou que Galicia “está á cola do estado en gasto por habitante en gastos social” e ademais “é a comunidade autónoma que menos inviste en habitante dependente de todo o estado”. “Temos os peores datos en dependencia”, sentenciou.

Neste sentido, Ortega pediu ao Executivo autonómico que “non bote as culpas” ao goberno do Estado, aos concellos ou aos informes independentes cando “os datos son reais” e Galicia “é comunidade peor parada”, unha situación que xa se daba no ano 2015 cando gobernaba en España o PP de Mariano Rajoy que, lembrou, “foi o artífice dos recortes de dependencia”. “Hoxe estamos aínda pagando as consecuencias e costará moito volver levantar o que vostedes destruíron a boca calada”, espetou.

Fronte a posición da Xunta que “asubía e mira cara a outro lado”, a dirixente socialista reivindicou o papel dos concellos galegos que afrontaron competencias impropias en materia de dependencia para paliar o desleixo de funcións do goberno autonómico, asumindo un sobrecusto nas arcas municipais de máis de 6 millóns de euros.

URXE MÁIS TRANSPARENCIA A POLÍTICA SOCIAL

“O goberno galego do PP agochou case 10.000 solicitantes”, advertiu a socialista, quen lamentou que a Xunta “está xogando coa xente” e exemplificando unha “hipocrisía política sen precedentes” en cuestión de dependencia.

Neste sentido, Ortega pediu máis transparencia á Xunta sobre listaxes de agarda e tempos de tramitación e criticou a negativa do PP a remitir ao Parlamento, tal e como pedía o Grupo Socialista, un informe detallado sobre as case 10.000 solicitudes non gravadas no sistema de dependencia, tal e como evidenciou o XXII Dictamen del Observatorio Estatal de la Dependencia de la Asociación Estatal de Directoras y Gerentes en Servicios Sociales, publicado en abril de 2022.