Espazo Común critica ao Goberno Local polo despido de traballador@s do servizo de limpeza

COMUNICADO DE ESPAZO COMÚN

O CONCELLO DESPIDE A 9 TRABALLADORES DO POBO E DÁLLE A LIMPEZA VIARIA A UNHA EMPRESA QUE EMPREGARÁ A 4 VARREDORES EN PLENO MES DE XULLO

AVANTAR ACTIVIDADES

Pagará máis de 16.000 € a unha empresa para que contrate a catro varredores durante o mes de xullo e suprimirá a tódolos traballadores municipais adscritos ao servizo.

Ao alcalde, outrora inimigo confeso das privatizacións, xa só lle falta adxudicar a unha empresa o reloxo da torre do Concello.

Dende Espazo Común temos moitas dúbidas sobre a legalidade desta contratación e pediremos acceso ao expediente.

Dende hoxe, día 1 de xullo, non hai un só varredor municipal do Concello do Carballiño nas rúas do pobo. Un fito tristemente histórico que ten coma protagonista ao alcalde Fumega, nos seus tempos de oposición crítico feroz das privatizacións e coa súa chegada á alcaldía, posuidor do título de rexedor con máis servizos entregados a empresas da historia deste pobo.

E o que é moito peor, case sempre para empeorar as prestacións. Porque todos entendemos que pode haber algunhas circunstancias nas que se pode mellorar a través da colaboración con empresas o servizo que reciben os cidadáns pero no caso que nos ocupa temos un exemplo moi claro de que como non se debe facer.

Fumega ven de contratar cunha empresa o servizo de limpeza viaria para o mes de xullo por 16.192€ e a empresa vai contratar a catro persoas para cubrir toda a vila.

O ratio ideal de varredores para prestar un bo servizo está por riba das 10 persoas para que cos días libres e vacacións se poida atender a tódalas zonas. Sobre todo na tempada estival cando a carga de traballo aumenta considerablemente.

As cifras aínda son máis aterradoras se temos en conta que para contratar a eses mesmos catro operarios de xeito directo durante o mesmo mes, o gasto para as arcas municipais apenas superaría os 6.000 €, pagas extra e seguros sociais incluídos. É dicir, case tres veces menos. Un reflexo claro da política deste grupo de goberno que cobra moito, traballa pouco e privatiza todo.