O PsdeG denuncia a Baltar tras criticar o equitativo financiamento do estado ás deputacións

Nacho Gómez considera “indecente” que o presidente cuestione o financiamento estatal cando mantén na Deputación un “sistema de favores e intereses persoais” que tamén é “un agravio á veciñanza

“Baltar usa fondos públicos para intentar tapar as miserias do seu partido, unha formación en descomposición que perde decenas de votos ó día desde que herdou o posto do seu pai”, resalta

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE denuncia a “caradura e a sinvergonzonería reiterada” de Manuel Baltar, tras criticar o equitativo financiamento do Estado a todas as deputacións de España, independentemente de quen as goberne, fondos públicos que logo el reparte “caciquilmente a dedo”, instalando á Deputación Provincial de Ourense nun “ignominioso sistema decimonónico” que “atenta” contra a imaxe da histórica institución ourensá.

O vicevoceiro socialista, Nacho Gómez, considera “indecente” que o presidente cuestione o financiamento estatal cando mantén na Deputación un “sistema de favores e intereses persoais” que tamén é “un agravio á veciñanza de concellos onde non gobernan os amigos e amigas do presidente”. “Nove de cada dez euros da Deputación proveñen do Estado”, polo que resulta “abxecto” que critique estes fondos que logo non emprega “nin para atender ás necesidades reais de Ourense nin para facer unha distribución xusta”.

“Manuel Baltar usa fondos públicos para intentar tapar as miserias do seu partido, unha formación en descomposición que perde decenas de votos ó día desde que herdou o posto do seu pai”, resalta.

Fronte a isto “nós defendemos un sistema de esencia democrática baseado na razón cordial e na equidade, cuxa meta será atender as necesidades dos demais, respectar as diferentes idiosincrasias e proporcionar recursos que permitan acadar o desenvolvemento global de Ourense”, resaltou o vicevoceiro antes de denunciar o “uso partidista” dos medios da institución provincial “como se foran un chiringuito dos populares” para estes usos partidistas. “Baltar xa se ve fóra da presidencia, polo que estamos ante unha perda absoluta de personalidade política”, afirma.

“O Goberno central presidido por Pedro Sánchez cumpre escrupulosamente coa equidade e a lexislación no reparto de fondos entre todas as administracións públicas”, sinala Gómez tras recordar que unha mostra evidente disto foi a aprobación por parte da Comisión Europea, esta mesma semana, do segundo pago de 12.000 millóns de euros dos fondos Next Generation a España tras constatar o cumprimento de 40 compromisos.

“O sistema de Baltar afonda nun problema político e democrático que arrastra quen pensa que a Deputación e un xoguete familiar e por iso discrimina a quen non comulga coas prácticas caciquís”, insiste Gómez. Remata o vicevoceiro do PSdeG-PSOE esixindo pois a Manuel Baltar que “deixe este insoportable cinismo a un lado dunha vez” e evite “copiar” ao líder do seu partido, Alberto Núñez Feijóo, quen “pedía rebaixas de impostos en España mentres subía masivamente impostos desde a Xunta de Galicia”.