O PsdeG denuncia a parálise “total” e o abandono das obras do parque acuático de Monterrei

Os socialistas denuncian a ausencia de previsión por parte do goberno galego, que en plena época estival mantén pechadas e derruídas as piscinas, que eran empregadas por máis de 70.000 usuarias

Esíxenlle ao Partido Popular “solucións urxentes” e destacan que estas pasan pola “transparencia e por deixar de utilizar a Ourense como un celeiro de votos e empezar a utilizalo coma un lugar no que as persoas temos dereitos e as instalacións teñen sentido”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de visitar as instalacións do complexo deportivo de Monterrei, en Pereiro de Aguiar, onde puideron comprobar o “abandono e a parálise total” das obras do futuro parque acuático prometido por Alberto Núñez Feijóo no ano 2016. Os e as socialistas denuncian a ausencia de “previsión” por parte do goberno galego, que en plena época estival mantén pechadas e derruídas as piscinas, que eran empregadas por máis de 70.000 usuarios e usuarias cada ano nos meses de verán. Unha situación que segundo denuncian “provocou que a veciñanza de Pereiro de Aguiar e de Ourense non teñan instalacións de ocio suficientes das que desfrutar no verán”.

Ata o complexo deportivo de Monterrei desprazáronse o secretario provincial e voceiro na Deputación de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada autonómica por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta; o voceiro municipal socialista en Pereiro, Jorge Gutiérrez; e o secretario de deportes da executiva provincial, Toño Fiuza. Os e as socialistas puideron comprobar sobre o terreo a paralización das obras, tanto do edificio de entrada, como das piscinas, que se atopan derruídas e nas que non hai nin unha soa máquina que faga pensar que se retomarán as obras nun prazo breve. Segundo denuncian dende o PSOE ourensán “a isto súmase o derrubamento de varias pistas deportivas e a ausencia de melloras de aparcamento, o que converte Monterrei nunhas instalacións pantasma”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Pereiro de Aguiar, Jorge Gutiérrez, denuncia a “falta total de previsión” e sinala que “xa no seu momento alertamos da situación e chegados a este punto atopámonos coas instalacións pechadas en pleno verán”. O edil socialista tamén fai fincapé en que xa no seu día “apostamos pola ampliación do parque, pero mantendo as actuais piscinas e construíndo o parque acuático nos terreos contiguos, para deste xeito ampliar as instalacións e manter abertas as piscinas”. Neste senso, destaca que “ante o peche os usuarios e usuarias, a gran maioría de Pereiro, vémonos agora na obriga de acudir a outros concellos para poder desfrutar das piscinas en verán”.

Gutiérrez apunta a que dende o Grupo Municipal Socialista de Pereiro “propuxemos que nun futuro se planificase a ordenación do tráfico e o aumento do número de aparcamentos, dunha forma rápida e que evite outra situación como a que estamos a vivir”. O voceiro do PSdeG tamén solicita que “se inicien as obras canto antes e non volva a pasar o próximo ano esta situación, na que moitísimos usuarios e usuarias quedemos sen poder utilizar as piscinas”. O edil socialista tamén reitera “a necesidade de ter en conta á veciñanza de Pereiro con bonos descontos para o futuro parque acuático”, xa que tal e como relata “vamos pasar dunha cota de 2 euros, que había nas piscinas, a uns 10 ou 11 que se van a pagar polo uso do parque acuático”.

Pola súa banda, a deputada autonómica do PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, destaca “un novo capítulo de promesas incumpridas de Feijóo, que se suman ao CAPD de Ourense, o ecobarrio da Ponte ou o gran hotel balneario”. Neste senso reclama a “reactivación das obras paralizadas” e lembra que o parque acuático de Monterrei “leva 6 anos de agarda, dende que foi prometido por Feijóo e a día de hoxe segue nas mesmas condicións”. A parlamentaria autonómica por Ourense tamén apunta a que en marzo de 2021 “preguntamos polo retraso das obras, e o PP respondeu que estarían abertas en verán, algo que obviamente non cumpriron”.

Ante esta situación, Rodríguez Dacosta vén de presentar unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia onde segundo sinala “esiximos saber cando foron conscientes de que as obras ían quedar paralizadas, que medidas se tomaron entón e que se vai a facer para rematar con esta obra”. A parlamentaria socialista tamén sinala que “Ourense vive o desleixo continuo dos gobernos do Partido Popular, que non compren co prometido, que teñen obras de vital importancia paralizadas e que non toman en serio a nosa provincia e as infraestruturas tan necesarias”.

Por último, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, puxo o foco en que “o que ía a ser unha instalación acuática punteira e un maná de persoas que ían visitala e xerar riqueza, converteuse nunha desfeita máis do Partido Popular”. O voceiro socialista na Deputación de Ourense destaca que “vemos como as piscinas que tiñan que estar en marcha, quedan derruídas e as que se ían construír, aínda non están nin o estarán porque quedaron paralizadas e sen construtor”. Neste senso tamén expresa que “estamos ante unhas instalacións que van a menos, con menos pistas de tenis, con outras instalacións deportivas que desaparecen e que cando se remate o proxecto, quedará un parque acuático no que como se manteña o sistema de contratación previsto, van pasar moitos anos ata que o teñamos completo”.

Villarino tamén sinala que “agora que a empresa abandona as obras é o momento de licitalas para que se fagan todas dunha vez e para que Pereiro e Ourense conten dunha vez co parque acuático prometido en 2016 e que tanto necesitan”. O líder dos socialistas ourensáns ten claro que a solución pasa pola “transparencia, por dicirlle realmente a xente cando vai ter en marcha o parque acuático e por deixar de utilizar a Ourense como un celeiro de votos e empezar a utilizalo coma un lugar no que as persoas temos dereitos e as instalacións teñen sentido”. Unha situación que segundo apunta, “tamén se resolverá cando se cumpran os prazos e os proxectos e se teñan en conta as previsións, que si facemos dende o PSdeG-PSOE de Ourense”.

Rafa Villarino sobre parque acuático Monterrei
Carmen Rodríguez Dacosta sobre parque acuático Monterrei
Jorge Gutiérrez sobre parque acuático Monterrei