Pablo Pérez participa na illa da Palma na Comisión de Deputacións provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP

O deputado de Cooperación, que acudiu en representación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, valorou positivamente unha convocatoria na que se puxo de manifesto o papel que deben xogar as entidades locais “nos fondos europeos de recuperación”

Entre as conclusións, Pablo Pérez resalta tamén a reivindicación dos gobernos intermedios “na consecución dos obxectivos marcados na Axenda 2030” e “na prestación de servizos sociais no territorio, un aspecto que debe ser tido en conta na futura reforma da financiación autonómica e local”

AVANTAR ACTIVIDADES

A comisión aprobou unha declaración de apoio á illa da Palma, recoñecendo a tódolos colectivos que traballaron na crise derivada da erupción do volcán Cumbre Vieja en 2021 e sinalando a necesidade de reforzar a colaboración co Cabildo de la Isla de La Palma e os municipios máis afectados 

O deputado de Cooperación, Pablo Pérez, participou hoxe na reunión da Comisión de Deputacións provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), convocada en Los Llanos de Aridane, localidade da provincia de Santa Cruz de Tenerife e situada na illa da Palma. 

Pablo Pérez, que acudiu en representación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, valorou positivamente unha convocatoria na que se puxo de manifesto o papel que deben xogar as entidades locais “nos fondos europeos de recuperación”, reivindicando o papel dos gobernos intermedios na xestión destas partidas, así como o labor que levan a cabo na prestación de servizos sociais no territorio e na consecución dos obxectivos marcados na Axenda 2030.

Sobre os fondos Next Generation, o deputado de Cooperación puxo énfase no labor de información, asesoramento e formación que realiza a FEMP no tocante ás liñas de axuda xestionadas directamente pola federación, entre as que se atopan as achegas para  a protección das mulleres fronte a todas as formas de violencia, o impulso da actividade comercial en zonas rurais e turísticas, para o fomento de estilos de vida saudable ou para mellorar a ciberseguridade das administracións públicas. Nesta mesma liña de apoio, a FEMP ten activada na súa páxina web un apartado de resposta inmediata sobre as dúbidas vencelledas ós fondos de recuperación no eido municipal. 

Pablo Pérez tamén resaltou as axudas en período de negociación como as relacionadas co proxecto “Sumérgete en las villas termales”, un capítulo “no que a Deputación de Ourense pode ter unha participación moi activa pois se trata de desenvolver un novo concepto de turismo termal que vaia máis aló do balneario, integrando ao usuario no mundo rural -pois a meirande parte dos balnearios están nestas zonas-, nas súas costumes, nas formas de vida da xente e na súa cultura”.

Informe sobre os servizos sociais prestados polos gobernos provinciais

Pablo Pérez referiuse a outro dos asuntos incluídos na orde do día, como a presentación dun informe sobre os servizos sociais que prestan os gobernos provinciais. Un documento, destacou, que recolle entre as súas conclusións “o destacado papel das entidades supramunicipais como instancia de reforzo para achegar estes servizos a un gran número de concellos, ademais do compromiso que mostran dedicando unha parte significativa dos seus orzamentos aos programas de benestar, case 7 millóns de euros no caso da Deputación de Ourense neste 2022”, dixo Pérez.

O informe presentado neste encontro de traballo resalta que, en total, os gobernos intermedios de España destinan nos seus orzamentos anuais uns 1.800 millóns de euros a financiar servizos sociais, asumindo novas competencias para evitar a desatención dos veciños, especialmente no rural. Esta realidade, explica Pablo Pérez, “esixe ser tida en conta na futura reforma da financiación autonómica e local”. 

Tamén se analizou a implicación das entidades supramunicipais na Axenda 2030 e na consecución dos dezasete Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) aprobados pola ONU. Os gobernos locais “estamos chamados a xogar un papel crucial e activo neste proceso, como así o estamos a facer desde o goberno provincial”, destacou o deputado de Cooperación. Nesta liña citou a presenza da Deputación de Ourense, “desde o primeiro momento”, na Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030, da que forman parte 25 gobernos provinciais, “como as administracións que mellor apoio poden dar aos concellos máis pequenos, contribuíndo así á consecución e extensión destes obxectivos por todo o territorio”. 

Declaración de apoio á illa da Palma

A reunión da Comisión de Deputacións provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias celebrouse no municipio de Los Llanos de Aridane coma xesto de apoio á poboación da Palma trala erupción do volcán de Cumbre Vieja, en setembro de 2021. Deste xeito, ó remate da reunión aprobouse por unanimidade unha declaración de apoio a todas ás persoas afectadas por esta catástrofe natural, sinalando a necesidade de abarcar tódalas accións necesarias para a recuperación da Palma e recoñecendo o traballo realizado polos colectivos implicados, ademais de remarcar o apoio ás administracións locais máis afectadas pola erupción e que agora están implicadas na recuperación da illa, especialmente o Cabildo de La Palma e os municipios de Los Llanos de Aridane, Tazacorte e El Paso.