Rosendo Fernández pon en valor “a diferenciación que en materia turística achegan as contornas con encoros”

O vicepresidente primeiro da Deputación participou esta mañá en Madrid na reunión da Comisión Executiva da Federación de Asociacións e Municipios con Centrais Hidráulicas e Encoros (Femembalses)

Destacou ao remate do encontro a decidida aposta do goberno provincial por valorizar “o grandísimo potencial dos encoros pola súa capacidade de xerar riqueza e emprego, como polo de atracción de visitantes e parte fundamental do ecosistema de turismo deportivo”

AVANTAR ACTIVIDADES

Nesta estratexia destacou as rutas en «ecobarco» a través de pequenos catamaráns 100 % eléctricos. Hai dez días licitouse a adquisición das primeiras unidades para percorrer tres encoros da provincia.

Fernández asumiu a representación de Manuel Baltar, que ocupa a vicepresidencia primeira da federación

O vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou esta mañá na reunión da Comisión Executiva da Federación de Asociacións e Municipios con Centrais Hidráulicas e Encoros (Femembalses), celebrada en Madrid. Un encontro no que os asistentes analizaron o informe realizado sobre o proxecto “Ecotural; experiencias turísticas en municipios con encoros”, presentado ás axudas do Programa Experiencias Turismo España, unha iniciativa da Secretaría de Estado de Turismo para a modernización do sector dotado con 100 millóns de euros no marco dos fondos Next Generation.

Ao remate da xuntanza, que tivo lugar na sede da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Rosendo Fernández puxo en valor “a diferenciación que en materia turística achegan as contornas con encoros, nun sector moi competitivo e na procura continua de experiencias innovadoras”.

En nome do presidente da Deputación, Manuel Baltar, que ocupa a vicepresidencia primeira de Femembalses, Rosendo Fernández lembrou a decidida aposta do goberno provincial por valorizar “o grandísimo potencial dos encoros pola súa capacidade de xerar riqueza e emprego, como polo de atracción de visitantes e como parte fundamental do ecosistema de turismo deportivo que desenvolvemos acollendo probas deportivas nacionais e internacionais de máximo nivel”. 

Unha estratexia á que se engade, dixo, as rutas en «ecobarco», “un proxecto no que traballa a Deputación de Ourense co obxectivo de crear unha frota de pequenos catamaráns, 100 % eléctricos”. Precisamente hai apenas dez días licitouse a adquisición das primeiras unidades para percorrer tres encoros da provincia.

A orde do día da convocatoria incluíu outros asuntos referidos ás relacións dos municipios coas administracións, como o proxecto de Real Decreto sobre a instalación de paneis fotovoltaicos flotantes nos encoros, a adxudicación por parte da Dirección Xeral da Auga dun estudo sobre as caducidades das adxudicacións ou a actualización do IAE para os concellos con centrais hidroeléctricas, así como tamén cuestións de trámite sobre a propia federación como temas de xestión económica.