O concello aprobará os orzamentos de xeito definitivo desestimando todas as alegacións

A corporación do concello do Carballiño reúnese mañá en sesión plenaria, a última deste verán. A sesión dará comezo ás 09:30 horas, e poderana seguir en directo a través de Badal TV. O principal punto da orde do día é a aprobación definitiva dos orzamentos, levando a esta sesión as alegacións presentadas polos grupos. Recordamos que o 5 maio, o goberno local aprobaba estas contas cos seus votos en maioría, un montante que ascende a 10,7 millóns de euros, e que recibiu a crítica por parte da oposición por consideralos continuístas e con falla de inversións, ó ir todas a cargo do remanente.

Neste caso, non houbo alegacións de particulares, nin o grupo da oposición do Partido Popular. Quen si presentou alegacións foi Espazo Común, un total de 62, enfocadas en cambios dirixidos ó ámbito social.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén se aprobará de xeito definitivo o escudo e a bandeira municipais, o faltar un concelleiro do goberno o día da súa aprobación. Este será o punto de aprobación dos símbolos e distincións honoríficas.

En canto ás mocións da oposición, o BNG pide axilizar os proxectos de mellora da seguridade na N-541. Para o alcalde do Carballiño, esta petición é construtiva e interesante.

Espazo Común leva dúas mocións. Por unha banda máis información sobre o proxecto da intermodal no Carballiño e a elaboración dun proxecto para a recuperación da Praza de abastos. Neste último caso, a problemática radica en que para licitar os postos baleiros, habería que sacar a totalidade a concurso.

En canto ó Partido Popular, preguntarán polo baixo da praza Corral, e tamén polo procedemento de indemnización a un profesor do conservatorio.