Cláudia Morán, Francisco Castro e Diego Giráldez, finalistas do XIX Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O xurado elixiu os tres artigos entre as 27 candidaturas na deliberación que tivo lugar hoxe na Sede de Afundación de Pontevedra

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Afundación, a Obra Social de ABANCA, deu a coñecer hoxe na Sede Afundación de Pontevedra os artigos finalistas do Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Tras a deliberación do xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Míriam Ferradáns, fíxose pública a resolución das persoas finalistas desta edición. A lectura da acta correu a cargo de Carlos Valle, secretario do xurado. As persoas finalistas son, xa que logo, Cláudia Morán Mato, por «Nunca nais», publicado en Nós Diario o 08/09/2021; Francisco Castro, por «Coiden da música», en La Voz de Galicia, o 29 /12/2021; e Diego Giráldez, por «Coreografía dos envoltorios», en Praza Pública o 31/12/2021.

Na rolda de prensa de hoxe, Marité Cores, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, subliñou «tanto a ardua tarefa de selección por parte do xurado, dada a calidade dos textos presentados, como o papel esencial que o xornalismo desempeña e que, en momentos tan extraordinarios, tan complexos como os actuais, require grandes esforzos e se nos revela imprescindible». Víctor Freixanes, pola súa banda, quixo «destacar a calidade, precisión e esmero de todos os traballos presentados. Unha convocatoria deste tipo sempre ten algo de crónica e tentamos premiar aqueles traballos atemporais, pezas literarias que perduren no tempo e sirvan de referencia. Nestes artigos observei preocupación polo que está pasando no país. As temáticas que tratan pódense resumir no conflito das xeracións, o xénero e a maternidade e a desfeita do mundo rural».

Todo o material desta rolda de prensa está dispoñible na seguinte ligazón:

https://drive.google.com/drive/folders/1LddUWibP42POkovutoK1unecdpWpGsgp?usp=sharing

Un total de 27 artigos optaban á XIX edición do Premio Fernández del Riego. Podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión, coa única condición de que só se presentase un texto por autor que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas e escrito en lingua galega.

O premio está dotado con 10 000 euros. Entre os gañadores podemos sinalar nomes tan importantes como Fina Casalderrey, Carlos G. Reigosa, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Ramón Loureiro, Tamara Montero, Miguel Anxo Murado, Inma López Silva, Cristina Pato ou Míriam Ferradáns, gañadora da última edición.