O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que estableza un novo protocolo para as queimas forestais controladas

Carmen Rodríguez denuncia que mentres prohiben queimas de restos agrícolas, “vostedes seguen facendo queimas forestais que en máis dunha ocasión se converten en incendios”

A portavoz de Montes do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle hoxe á Consellería de Medio Rural que estableza un protocolo para realizar queimas forestais controladas. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei neste sentido na Comisión do Medio Rural que foi rexeitada co “incomprensible” voto en contra do PP.

AVANTAR ACTIVIDADES

Rodríguez Dacosta alertou de que a negativa do PP e o desleixo amosado pola Consellería están a incumprir tanto a normativa estatal como as recomendacións do Comité de Expertos creado con motivo da vaga de lumes de 2017. As conclusións do Comité de Expertos incluían a petición dun plan de queimas prescritas impulsando estas accións preventivas nos distritos forestais fora do período de máximo risco e en colaboración coa poboación.

Alerta de que cando se poden facer as queimas é precisamente cando o Servizo de Incendios está en precario, dificultando o proceso. Pediu por iso que a Dirección Xeral de defensa do Monte elabore un programa de desbroces, trituracións e podas en zonas necesarias para viabilidade, acceso, prevención de lumes ou limpeza de perímetros.

Ademais reclaman unha instrución técnica detallada para as queimas prescritas, basicamente “un protocolo que si estableceu o Ministerio, pero non a Consellería do Medio Rural”. A responsable socialista acusou á Xunta de “incidir máis na propaganda que na regulación e na difusión das normas” técnicas e funcionais para realizar as queimas de forma adecuada.

Esixiulle que expliquen “que criterios seguen na actualidade para facer estas queimas, pois a sociedade galega non entende como prohiben queimar restos agrícolas ou forestais, pero vostedes seguen facendo queimas que en mais dunha ocasión se converten en incendios forestais polas condicións climáticas nas que se executan”, como sucedeu no Distrito Forestal XI de Ourense Ribeiro / Arenteiro -O Carballiño-.

Sinalou que o goberno galego “empeza a casa polo tellado” por canto no Pladiga 2022 habilitan as queimas prescritas en hábitats prioritarios protexidos, pero sen preocuparse de regular nin explicar como deben de facerse. Reiterou a urxencia dunha “normativa ou instrucións técnicas”, e sempre “fomentando estratexias de xestión alternativas ás queimas, como a compostaxe ou a trituración para restos forestais, agrícolas e de xardinería”.