O Marcos Valcárcel acolle unha exposición arredor da figura de San Cipriano, “o santo máxico cristián por excelencia”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A mostra “San Cipriano o mago. De oracións, ciprianillos e tesouros” está  comisariada polo antropólogo Félix Castro e abarca máis de 150 pezas vencelladas a unha figura venerada en Europa, parte de África e América

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O vicepresidente segundo, César Fernández, resaltou na inauguración da mostra a “universalidade de San Cipriano, con diferentes culturas e espazos xeográficos unidos arredor desta figura e o interese polo misterio e o oculto”

Video-Reportaxe emitido en Badal TV

A exposición inclúe libros, documentos e obxectos arredor de San Cipriano, na súa vertente relixiosa e tamén esotérica. Estará aberta no centro cultural  da Deputación de Ourense ata o 28 de agosto

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu este mediodía a inauguración da exposición “San Cipriano o mago. De oracións, ciprianillos e tesouros”, unha mostra comisariada polo antropólogo Félix Castro Vicente na que se poden ver unhas 150 pezas vencelladas a este santo máxico cristián. Estará aberta ata o 28 de agosto. 

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou na presentación desta exposición, baseada na colección do propio comisario e do seu irmán, Cástor, presentes na apertura da mostra xunto ó director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González. 

César Fernández valorou a mostra como “moi interesante”, polo xeito en que “achega algo que en certo modo fora parte da esencia de tódalas culturas: o gusto polo misterio e o esotérico”. Nesta liña, o vicepresidente segundo do goberno provincial destacou a universalidade da figura de San Cipriano: “A través desta exposición pódese ver como diferentes culturas e zonas xeográficas están unidas polo culto a este santo máxico. Este é un proxecto para desfrutar e coñecer máis a esta enigmática figura”. 

O comisario, Félix Castro, situou a orixe do seu interese pola figura de San Cipriano na cultura inmaterial galega -“as prácticas máxico-relixiosas e as procuras de tesouros están no imaxinario galego”- e en como pese a represión do franquismo mantívose vixente o interese por San Cipriano, o “santo máxico cristián por excelencia”.

Castro repasou algún dos detalles da mostra, valorando a concepción global dun santo máxico cuxa “fama espallouse por boa parte do mundo”. 

Pola súa banda, Francisco González agradeceu ao comisario elixir o centro cultural da Deputación como sede da mostra e destacou que esta completa a oferta expositiva do Marcos Valcárcel, dende “a pluralidade e a complementariedade”, coa exposición “O amante do papel” e o “Ao redor do universo Beatle”.

Pezas relixiosas e esotéricas de todo o mundo

A exposición “San Cipriano o mago. De oracións, ciprianillos e tesouros” contén elementos como case medio centenar de libros de San Cipriano do século XIX e XX, primeiras edicións españolas, portuguesas, mexicanas, italianas… unha vintena de libros de maxia arredor da figura deste santo, obxectos vencellados á procura de tesouros ocultos. Ademais, a mostra contén varias decenas de pezas relixiosas sobre San Cipriano de países como España, Portugal, Italia, Grecia… e máxicas, incluíndo obxectos esotéricos e de bruxería tradicional. 

Vencellado a prácticas máxicas e relixiosas en Europa, parte de África e Oriente Medio

San Cipriano de Antioquía, un famoso mago antes da súa conversión, é tanto o santo máxico cristián por excelencia como unha figura ambivalente, xa que tanto é o patrón dos practicantes das artes máxicas como protector contra as mesmas. O seu nome está vinculado a prácticas máxicas e relixiosas en toda Europa, parte de África a Oriente Medio; a máis coñecida, o emprego da “Oración de San Cipriano” para protexerse de feitizos e todo tipo de males.

É famoso ademais no noroeste da Península Ibérica por atribuírselle o “Libro de San Cipriano”, un cobizado libro de supostas características máxicas que, ademais de converter ao seu posuidor en feiticeiro, podía facelo rico ao incluír unha lista de tesouros do Reino de Galicia e de Portugal e as instrucións para desencantalos.

Todas estas prácticas expandíronse ata América, sendo hoxe en día un santo venerado nos cultos afroamericanos, ao tempo que mantén a súa presenza na igrexa ortodoxa e na católica.