Este domingo arrinca o festival de música “Feito no Carballiño”

 Máis de 15 grupos  musicais da vila terán a oportunidade de tocar na casa este verán, a maior parte no “Feito no Carballiño”, un festival organizado pola Concellería de Cultura (cuxo nome fai un guiño ó “Made in Japan” dos Deep Purple) que xa se atopa na terceira edición, celebrándose, incluso, durante a pandemia. Este festival , que tamén supón un escaparate para moitos grupos,  acolle de forma exclusiva a grupos que contan na súa formación con algún carballiñés ou carballiñesa. En moitos casos comparten as súas raíces no Conservatorio Municipal do Carballiño o cal supón un orgullo para un centro do que saíron grandes músicos.

O festival arrinca este domingo, ás 20:30 h na Praza Maior, co grupo de jazz 4Mal Quartet Jazz. O sábado 16, ademáis da música na feira durante a mañá, ás 20:30 comezará, da man de Terras do Arenteiro, a foliada na Praza do Emigrante,  Praza Irmáns Prieto, rúas peatonais e na zona da Praza Maior. O día 23 será o momento de Seez&convidados, que fusionarán o pop e o rock, ou mesmo o blues, con música electrónica na rúa Rosalía de Castro ás 20:30h. O venres 22 de xullo continúa o ciclo ca actuación de The Impossiblues ás 23h na Praza Maior como teloneiros dos míticos Heredeiros da Crus, unha oportunidade de ouro para un grupo que medra a pasos axigantados.

AVANTAR ACTIVIDADES

 O 5 de agosto dende as 21:30 horas, Os Tres Galeguiños percorrerán as rúas do Carballiño ca mellor música tradicional e, ó día seguinte, é o turno do Folk e do Blues da mán de Irevire na rúa Tomás María Mosquera ás 23:30 h. O 15 de agosto é o momento do dúo Marta&Sergio Tanús na rúa Curros Enríquez, onde a cantante de Seoane interpretará cancións propias e outras versionadas. O día 20 haberá ración dobre, ás 20h comezará o cantautor carballiñés Jorge Cervantes na zona da Alameda e a continuación estará o grupo de Indie-Pop, Sueños de Ítaca. O encargado de pechar o ciclo no mes de agosto será Roberto Sobrado, que actuará o día 21 na rúa Tomás María Mosquera ás 20:30h.

Finalmente, no mes de setembro, o grupo de rock clásico Sussie Q´s actuará en acústico na Praza Irmáns Prieto o día 3 de setembro, ás 20:30h e, ó día seguinte, pechando o festival, o grupo Skadelos levará ó barrio de Flores o Ska e a Rumba ás 20h.

Na programación presentada hai uns días, tamén se anunciaban outros grupos da vila, como Alfonso Medela Trío, Tokaide ou Os Chimpafigos. E, no apartado de música de rúa, ademáis das charangas que actuarán en varias datas, tamén se achegarán ata o Carballiño o grupo veciño Soul&Roll, o grupo de Folk Breocans e tamén teremos un percorrido polos grandes éxitos da música dos anos 80 da mán do grupo El Hechizo de Nora.

A principal novidade con respeto ás anteriores edicións é a decisión de espallar as actuacións en varios días e espazos da vila, pois con anterioridade o festival se realizaba en dúas únicas xornadas consecutivas. Desta maneira, a organización considera que se potenciará máis a presenza de público e se amplía a oferta cultural a máis xornadas.