Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade”

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dedicado aos contertulios de Nordesía e ao aquelarre do Peregrinus (Antón-P., Anxo-V., Luis-S., Benito-P., Mercedes-C., Uxía-B., Elvira-C., Ana-L., Paco-R. e Alberto-A.), onde se encendeu a chispa deste relato

A realidade non adoita mostrarse uniforme e case nunca aparece sistemática e homoxénea. É basicamente polimorfa, con moitas arestas e demasiados recunchos. Ademais, non emerxe illada e solitaria; pola contra, sae ao noso encontro rodeada dunha profusión de acólitos espontáneos, moitas veces circunstanciais, que conxestionan o tráfico das ideas e restan nitidez ao seu mellor perfil. 

Xulgar a realidade supón coñecer previamente as diversas variedades e formas nas que esta se encapsula. Porque, en efecto, non existe un só tipo de realidade, existen moitos e diferentes. Temos realidades físicas -empíricas- como as rúas, os edificios, os ríos, as estrelas, os nosos amigos e mascotas, os fenómenos atmosféricos… Existen realidades sociais, como a política, as institucións, o matrimonio, as leis… Hai realidades simbólicas, como a cruz, a bandeira, a lingua, o escudo… Tamén nos relacionamos con realidades virtuais, como as maquetas, as fotos, as películas, os mapas, os debuxos animados… E no caso de buscar outros criterios diferentes, poderiamos seguir ampliando indefinidamente as clasificacións. 

En todo caso, como seres racionais, non só temos a obriga de buscar con lóxica e coherencia a verdade que se agocha nesa realidade, senón tamén de implicar a moralidade, a axioloxía, o pragmatismo… en calquera dos múltiples aspectos nos que a realidade se presenta. Pero tal propósito non resulta doado, porque son moitos os ruídos que obstaculizan a percepción da voz que ela emite. A súa natural camuflaxe despista ao observador, pois desvíao do camiño que conduce á súa identificación. Non convén, pois, quedar na pel dos temas e dos problemas; tampouco resulta eficaz aferrarse á primeira impresión do aspecto e da imaxe co que tropezamos no noso deambular ou do primeiro saúdo co que nos trata de seducir o gran teatro do mundo. Pode resultar moito máis trascendental saber manexar os tempos do encontro para achar o perfil idóneo e a outra cara das cousas, situándoas na súa propia categoría ontolóxica e aplicando a análise adecuada na súa interpretación. Isto precisa bastante reflexión e non pouco criterio. En calquera caso, con esta estratexia nin sequera temos o aval do éxito. O que temos máis garantido é unha maior probabilidade de cometer menos erros e de dispor de máis e mellores argumentos para alcanzar a certeza dos nosos puntos de vista.

            A realidade é amiga de ocultársenos e de atrincheirarse, razón máis que suficiente pola que debe ser conquistada tras longo asedio e insistencia. Nese caso, en vez de intentar seducila con cándidos flirteos, resulta máis eficaz abordala directamente, buscando o seu perfil científico baixo a lupa da filosofía. Hai que ir á conquista directa da realidade, ao seu cerne, como se dunha batalla bélica se tratase; e “en lugar de tomar de cando en vez un castelo ou unha aldea na fronteira, é máis proveitoso marchar directamente á capital”, como ben dixera o filósofo David Hume. Desa forma, afórranse esforzos e sobre todo evítanse desilusións e fracasos.

A vida como fluír no mundo

Nacemos cun programa xenético que nos permite alternativas para desenvolver modelos de vida en contacto coa Natureza e para responder con éxito aos retos que esta nos propón. Grazas a ese portentoso e marabilloso programa dispoñemos de réplicas automáticas de gran rapidez que nos protexen de perigos capaces de fracturaren a nosa integridade física e de poñer en perigo a nosa propia vida. Por seren automáticas, instintivas, resultan extraordinariamente eficaces para solucionar os problemas básicos cos que chocamos cada día.

Pero o noso gran desafío reside na capacidade intelectual para percibir, descifrar e describir a realidade na súa ilimitada organización e estrutura coa que se nos ofrece e entrega; na gran maioría das veces esa donación faina disfrazada e pillabana. Xa nolo advertiu Heráclito de Éfeso hai vinte e seis séculos: “á Natureza gústalle ocultarse”. Logo, hai que esforzarse para desenmascarala e revelar os seus segredos.

Azar e casualidade

Eu parto da base de que o azar e a casualidade só se poden xustificar cargando a peaxe da súa circulación epistemolóxica e semántica no “debe” das persoas. Somos os seres humanos quen catalogamos e avaliamos determinados fenómenos como azarosos e casuísticos. Tamén, obviamente, hai outros aos que catalogamos como verdadeiros ou falsos.   

Pero na realidade non existe o azar, nin a casualidade, nin a aleatoriedade… A realidade transita de forma inexorable atada ás leis físicas, que se impoñen necesarias e deterministas. Somos os seres humanos os que, ignorando os elementos recónditos dos fenómenos naturais e descoñecendo as variables que nos oculta a realidade, lle atribuímos a esta unha actuación e un comportamento azaroso e casuístico. Non obstante, no caso de coñecer eses elementos, decatariámonos de que tales resultados son necesarios e axustados ás leis físicas.

É frecuente que cando as circunstancias dun azar derivan en consecuencias tráxicas -como un accidente mortal- ou en reveses económicos ou familiares -como a quebra e bancarrota dunha empresa, ou un divorcio- se utilice a palabra “destino”, un concepto que os gregos denominaban co vocábulo moira (por certo, con distintos nomes de Moira para cada tipo de casos) e os romanos coa palabra parca (Factae). En cambio, nesas mesmas circunstancias, pero con consecuencias antagónicas ás anteriores -saír ileso dun accidente, superar unha crise matrimonial ou sacar á boia unha empresa- dise que se trata dun milagre. Eu pregunto: Os que defenden o azar como unha propiedade dos fenómenos reais pretenden, quizais, levantar pontes racionais xustificativas entre a física e a matemática coa superstición e a fe? De verdade, intentan situar en igualdade epistemolóxica a física, as matemáticas, a mitoloxía e a relixión? Consideran tan máxicas á física e ás matemáticas ata o punto de que se solapen cos mitos e coas crenzas? Non o creo.

Invoco en defensa da miña opinión os argumentos irrebatibles dunha autoridade da filosofía da ciencia como é Karl Popper:

“Ás veces un oe dicir que os movementos dos planetas obedecen a leis rigorosas, mentres que a tirada dun dado é fortuíta -ou suxeita ao azar-. Eu penso que a diferenza reside no feito de que ata agora fomos capaces de predicir con éxito aqueles movementos planetarios, pero non os resultados individuais das tiradas dun dado. Para deducir predicións precísanse leis e condicións iniciais: se non se dispón de leis apropiadas ou se non cabe averiguar cales son as condicións iniciais, o modo científico de predicir desmoróase. Ao tirar o dado, o que nos falta é un coñecemento suficiente das condicións iniciais; no caso de dispoñer de medicións suficientemente precisas destas, tamén sería posible facer predicións neste caso… Falo de “azar” cando o que sabemos non é suficiente para predicir: como ocorre ao tirar o dado, situación na que falamos de “azar” debido a que non sabemos cales son as condicións iniciais…”

(Karl Popper: A lóxica da investigación científica).

            Penso que con este texto os conceptos de azar, casualidade e aleatoriedade deben de tratarse na epistemoloxía, non na física, porque pertecen ao ámbito do coñecemento, non do funcionamento da realidade. Hai que saír, polo tanto, do rexistro das teorías científicas, prescindir das claves das leis físicas e centrar o obxectivo no campo da epistemoloxía. Ou, do contrario, intentar identificar o inmenso arsenal de datos que se ocultan detrás de cada novo fenómeno.

Casualidade versus causalidade

Casualidade ou azar é unha combinación de circunstancias totalmente imprevisibles que impiden coñecer os seus efectos. Aristóteles distinguía o azar da fortuna. O azar fai referencia á continxencia en xeral; a fortuna, porén, é unha forma especial de continxencia que aparece de cando en vez na vida práctica. E así por azar podemos atoparnos cun amigo na praia de Samil en Vigo ou na de Copacabana en Río de Janeiro (continxencia xeral); por fortuna, ese mesmo amigo puido ser agraciado no último Nadal cun importante premio da Lotería Nacional.

Sen saír desa mesma acepción aristotélica, a continxencia oponse ao necesario; pero desde unha visión lóxica, a continxencia considérase como a posibilidade de que algo aconteza e de que ese mesmo algo -simultaneamente- non aconteza. En cambio, o necesario implica que dada unha determinada tesitura, as consecuencias da mesma teñen que suceder. Así, parece necesario que a existencia dun fillo implica a existencia real dos seus proxenitores; en cambio, resulta continxente que chova o día en que entra o verán, xa que ese día pode chover ou non chover. O debate sobre estes conceptos resulta inacabado, porque son moitos os que consideramos a casualidade ou o azar como consecuencia da ignorancia -descoñecemento ou incomprensión- por parte das persoas respecto aos múltiples factores que interveñen na creación dos fenómenos, mentres outros están firmemente convencidos de que eses conceptos son aplicables á propia realidade fáctica. Apelando ao ámbito da lóxica -e invocando ao filósofo e matemático G. Frege-, para estes últimos teóricos, a denotación (Bedeutung) ou referencia dese concepto apuntaría á realidade ontolóxica, á realidade física; para os defensores da primeira teoría, a denotación sinala de forma directa á mente humana. Na connotación (Sinn) ou significado do termo azar non hai, porén, discrepancias entre ambas posturas.  

Na miña opinión, o azar, a continxencia (na interpretación aristotélica) e a aleatoriedade son conceptos que aplicamos a un tipo de situacións das que ignoramos unha descomunal cantidade de datos respecto á estrutura física dos elementos integrantes no proceso, así como á incapacidade de atopar o nexo espazo-temporal que se establece entre eles. Apelamos ao azar no momento de establecer un nexo lóxico entre dous ou máis elementos espazo-temporais, entre fenómenos que ocupan espazos próximos e acaecen en tempos simultáneos. Por iso dicimos que é por azar ou por casualidade que lle cae unha tella na cabeza a unha persoa que pasa por debaixo dun tellado, xa que de non pasar naquel momento esa persoa deixaría de ser vítima.

En cambio, o concepto de causalidade establece un nexo necesario entre dous fenómenos, un denominado causa e o outro, efecto. Así como na casualidade os efectos entre fenómenos son imprevisibles, a causalidade implica necesidade entre fenónomenos. Prefiro prescindir aquí de toda a polémica filosófica sobre o principio de causalidade, así como das diferentes interpretacións -que son incalculables- do mesmo. Só citar, como exemplo dese debate, a crítica do filósofo David Hume sobre dito principio, que precisamente nega. O principio de causalidade é metafísico, o que conduce inevitablemente ao determinismo físico. En cambio, o científico prescinde da metafísica para buscar na Natureza só leis, que descobre inicialmente como hipóteses.

Pero a gran pregunta podía ser esta: Nós, seres humanos –humanes, que dicía hai décadas o meu amigo Jesús Mosterín adiantándose á moda da linguaxe inclusiva-, somos produto do azar despois de lograr a pole na carreira evolutiva dos seres vivos grazas ao desenvolvemento do noso cerebro ou quizais somos efecto dalgunha causa ignota?  

Estrutura da realidade física

O mundo real no que vivimos está organizado por medio de leis, pero presenta configuracións diferentes a teor da súa estrutura, macroscópica ou microscópica. O mundo visible está representado pola realidade observable de forma natural a través dos sentidos e constitúe o mundo macroscópico, que se identifica co mundo das cousas grandes. En cambio, o microcosmos, o mundo dos elementos pequenos -que emporiso se erixe no fundamento do macrocosmos- non se deixa revelar na súa autenticidade a ningún observador por sentirse condicionada e modificada polo propio fisgón. Esta disimilitude trasládanos a dous modelos epistemolóxicos diferentes, que van axudar a entender esa forma distinta que teñen de comportarse os obxectos materiais do macrocosmos e os elementos do microcosmos que, a pesar do seu antagónico comportamento respecto ás cousas, son a base material do macrocosmos.

Macrocosmos

            O mundo visible, identificado como macrocosmos, está sometido ás leis físicas, fundamentalmente sintetizadas nas leis da mecánica newtoniana. Esta mecánica, recollida e fundamentada no libro de Newton Philosophiæ naturalis principia mathematica (1687), pivota sobre un espazo euclídeo tridimensional, aceptando a existencia dun tempo universal absoluto, compartido por todos os observadores, que permite explicar traxectorias dos obxectos físicos ben definidas. A flexibilidade desta mecánica permite compatibilizar as súas leis con outras teorías clásicas como a termodinámica, o electromagnetismo, etc. Varios presupostos da mecánica newtoniana serían abandonados no século XX pola teoría einsteiniana da relatividade.

            Ao abeiro da mecánica newtoniana, concentrada nos Principia, pódense explicar as leis do movemento e da gravitación universal, así como predicir os movementos dos corpos. Nesta mecánica -onde a lei da inercia constitúe a súa base-, os conceptos básicos son os de tempo, espazo e masa, todos mensurables e coa posibilidade de seren tratados matematicamente. O movemento pode definirse en termos de espazo e tempo, coa posibilidade de xustificar outros conceptos físicos relacionados, como o de velocidade, aceleración, deceleración, etc., da mesma forma que a materia se pode definir coas propiedades de extensión (no espazo), duración (no tempo) e masa (volumen multiplicado por densidade).

            Utilizando estes conceptos newtonianos vémonos abocados a un esvaramento cara ao determinismo. Ese esvarón afectou aos enciclopedistas franceses do século XVIII, entre eles Pierre S. Laplace, autor da teoría da “gran intelixencia” (demonio laplaciano). Laplace, coautor con Kant da teoría nebular, reivindicou unha intelixencia omnisciente para eliminar o concepto de azar. Na hipótese de que existise esa intelixencia e coñecese nalgún momento a situación completa do universo -cada cousa e todas as relacións entre elas-, sería capaz de predicir e de controlar todos e cada un dos momentos futuros do universo.

Con esta teoría, o determinismo científico aparecía plenamente encarnado en Laplace, porque a concatenación das leis físicas imporíase de forma absoluta. O indeterminismo, o azar e a casuística quedarían engullidos nesa intelixencia polo principio de causalidade. O azar, a casuística e o indeterminismo seguirían sendo, evidentemente, válidos para o resto das intelixencias non perfectas nin omniscientes. No fondo desta interpretación subxacen certamente inoculacións metafísicas. Por iso, a física actual expresa unha tendencia a independizarse cada vez máis das reviravoltas ontolóxicas para centrarse sobre todo na faciana fenoménica. Por ende, a investigación física precisa dunha elevada especialización que faga posible ofrecer unha visión de conxunto axustada a toda a realidade física, onde o recoñecido antagonismo entre as leis da realidade subatómica e da realidade material observable se complementen. Non pretendo entrar aquí no debate sobre a Teoría da Gran unificación de forzas, senón aludir ao comportamento dos obxectos materiais da realidade visible e ao dos elementos subatómicos ou de partículas.

            A incorporación de Einstein á física do século XX implicou cambios importantes e revolucións profundas na mecánica newtoniana, que cedeu o liderado á Teoría da relatividade. Ben é certo que esta teoría tratou de asimilar e respectar os grandes piares da mecánica de Newton, pero relativizando o absolutismo dos conceptos de tempo e espazo nos que se instalara a mecánica clásica. “A relatividade especial de Einstein dá unha descrición marabillosamente precisa dos fenómenos nos que a velocidade dos obxectos chega a ser próxima á da luz -velocidades ás que as descricións de Newton comezaban a fallar. A teoría da relatividade xeral de Einstein, de suprema beleza e orixinalidade, xeneraliza a teoría dinámica da gravitación de Newton e mellora a súa exactitude” (Roger Penrose: A nova mente do emperador).

Microcosmos

A realidade subatómica, ou ámbito das partículas elementais, ofrece condutas totalmente diferentes ás do macrocosmos. Aquí entramos no circo do indeterminismo, da marxinación do principio de causalidade e da ausencia do nexo lóxico -e físico- que pon en relación o espazo e o tempo. O principio de incerteza imponse aquí con todas as consecuencias. Entramos, pois, na física cuántica.

            Foi entre 1924 e 1935 cando nace a mecánica cuántica. Nesta nova forma de enfrontarse aos problemas físicos apareceron ideas e principios ontolóxicos, por ende metafísicos, profundamente revolucionarios. Por exemplo, aparece a idea de que os elementos pequenos adoitan presentarse en estados de superposición que lles permite estar en diferentes espazos ao mesmo tempo. Ou a constatación de que cando se combinan dous átomos para formar unha molécula, se redistribúen os seus protóns e electróns desaparecendo os átomos. Mesmo a explicación de que no momento en que chocan a gran velocidade as partículas elementais, aparecen novas partículas como os mesóns e neutrinos.

            Algúns físicos, considerados como positivistas no ámbito da filosofía, consideraron a mecánica cuántica como o declive do principio de causalidade. Outros, como Mario Bunge, revalidan dito principio dentro da mecánica cuántica: “Mostré que la mecánica cuántica usa el principio de causalidad cuando trata de la dispersión (scattering) de un haz de partículas por un cambio de fuerzas: éste tuerce la trayectoria de las partículas incidentes, pero los ángulos de las partículas están distribuidos al azar. En resumen, la mecánica cuántica combina la causalidad con el azar” (Memorias. Entre dos mundos).

            O azar reaparece outra vez aquí no microcosmos. Pero agora xa non se identifica coa epistemoloxía, coa ignorancia de quen observa un fenómeno inesperado e improbable, senón coa propia conduta dos elementos subatómicos. Neste contexto podemos contradicir a A. Einstein afirmando que na mecánica cuántica, onde impera o azar, “Deus si xoga aos dados”.

Apropiándome de novo das palabras de Bunge, pode resultar máis doado entender este mundo irrecoñecible e non intuitivo:

            “La cuántica introduce un tipo de azar desconocido por la física clásica. En ésta el azar es equivalente al desorden de un conjunto numeroso de acontecimientos del mismo tipo independientes entre sí, como se dan en los juegos de azar. El azar cuántico es inherente a cosas individuales, como átomos radioactivos, que se desintegran espontáneamente.

Un ser omnisciente no juega a los dados, porque puede predecir exactamente los resultados, pero no podría predecir si un átomo radioactivo dado se desintegra durante el próximo minuto. El azar cuántico es duro o irreducible, mientras que el clásico es blando o reducible en principio… Pero los azares cuánticos son reales: no son debidos a la ignorancia… La contrapartida matemática de esta diferencia es que, mientras en física clásica se parte de frecuencias estadísticas (propiedades colectivas), en física cuántica se parte de probabilidades (propiedades individuales). O sea, el azar cuántico es mucho más radical que el clásico” (Memorias. Entre dos mundos).

            A física cuántica naceu no ano 1927 baixo a paternidade dos físicos Niels Bohr, Max Born e Werner Heisenberg. E bautizouse co nome de Interpretación de Copenhague, de onde era Niels Bohr. A través desta interpretación pretendíase anular o dualismo tradicional dos conceptos de onda e de partícula para harmonizalos nas explicacións cuánticas, pois as partículas poden actuar ás veces como ondas e outras como corpúsculos ou partículas. Bohr denominou a esta harmonización “principio de complementariedade”.

            Pero o axioma fundamental da Interpretación de Copenhague é o postulado que se aplica na física cuántica, de conformidade co cal os fenómenos subatómicos só se poden percibir como cambios indeterministas. Desa maneira, a Interpretación de Copenhague incorpora o principio de indeterminación -ou principio de incerteza- á mecánica cuántica, segundo o cal non se pode coñecer simultaneamente a posición e o momento dunha partícula. Iso supón a imposibilidade real de predicir o futuro, pero si de coñecer o pasado. Axustándose ás leis da mecánica cuántica, o principio de incerteza non funciona no mesmo sentido cara ao pasado que cara ao futuro no tempo.

O paradoxo do gato de Schrödinger

A mecánica cuántica, seguindo a Interpretación de Copenhague, considera que a percepción dunha partícula por parte dun observador incide directamente nos seus posibles estados. Foi Erwin Schrödinger quen no ano 1935 ideou unha situación na que se orixinaba unha discordancia entre a mecánica newtoniana e a mecánica cuántica. A situación, imaxinaria, era esta:

            Imaxinemos unha habitación hermeticamente pechada e perfectamente illada do exterior con fortes e resistentes paredes. Dentro da habitación hai un gato, un dispositivo que se pode disparar mediante un suceso cuántico e unha bocha rechea de gas venenoso. Se ten lugar ese suceso, entón o dispositivo rompe a bocha do gas e o gato morre. Pero se o suceso non ocorre, o gato segue vivo. Desde o punto de vista dun observador que estea no interior da habitación, de ocorrer o suceso, o gato morre; e se non ocorre o suceso, o gato continúa vivo. Pero para o observador que está fóra da habitación, o gato está nunha superposición lineal simultaneamente vivo e morto, xa que as ondas teñen a capacidade de estar en situacións e lugares distintos á vez.

            O suceso consiste na posibilidade da desintegración radiactiva dun átomo. A probabilidade de que esa desintegración suceda no experimento é do 50%; pero sigamos imaxinando que se iso sucede o átomo rompe a bocha co gas venenoso e o gato morre. Se non sucede, o gato segue vivo porque non rompe a bocha. Polo tanto, o gato ten un 50 % de probabilidades de estar vivo, e outro tanto de estar morto. Segundo a teoría cuántica, o gato atópase, literalmente, vivo e morto á vez porque está nunha superposición cuántica da función de onda do átomo. Só ao abrir a caixa, o gato pasará a estar vivo ou a estar morto. 

O que explica, xa que logo, a física cuántica é que descoñecemos se o gato está vivo ou está morto ata que abrimos a habitación. Pero incluso non o sabemos despois de abrila, porque cando o observador abre a habitación xa está influíndo no comportamento da partícula subatómica. Polo tanto, o colapso da desintegración ou non do átomo segue sendo descoñecido para o observador externo. Que o gato poida estar simultanemente vivo e morto só é posible nunha situación cuántica, nunca no mundo real.

Con este paradoxo Schrödiger trataba de explicar a incoherencia da mecánica cuántica e a imposibilidade de relacionar o mundo das partículas -como a desintegración do átomo- co mundo das cousas do mundo no que vivimos. A mecánica cuántica utiliza as matemáticas como unha continuidade máxica do mundo físico, algo inexplicable nunha ontoloxía filosófica.

Conclusión

Resulta difícil asimilar ese comportamento cuántico desde a óptica do mundo ordinario no que nos desenvolvemos os seres humanos, pero seguramente á maioría dos nosos lectores e lectoras pouco lles importa esa conduta das partículas porque será imposible tropezar algunha vez con elas. Así que o azar real, polo que se regula o mundo subatómico, non vai repercutir o máis mínimo na nosa vida. E do outro azar que nos afecta, como é problema de ignorancia, teremos que afacernos a convivir con el, sabendo ademais que aquí a relidade se nos impón de forma ditatorial. Pero se con algo nos queremos consolar do inoportuno e engorroso azar, apelemos á probabilidade matemática, tan reivindicada polo meu amigo matemático Anxo V., porque nalgún caso nos axudará a que acertemos no xogo das profecías.

            O prestixioso físico Richard Feynman dixo: se alguén cre que entende a mecánica cuántica, iso indica que non a chegou a entender. Así que non se preocupe, querido lector/a, se non entende o funcionamento deste mundo cuántico… Non lle fai falta!

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.