Manuel Cabezas presenta os avais á súa candidatura para presidir o PP da cidade

O precandidato expresou o seu agradecemento ás bases, aos presidentes de distrito e a todos os veciños ourensáns que “me animaron a dar este paso, para revitalizar o partido a nivel local e para construír un proxecto de futuro, que retome o camiño a través do que gobernamos Ourense entre 1995 e 2007”

· Manuel Cabezas expresa a súa vontade de volver liderar o PP da cidade para “abrir un novo ciclo político nesta cidade”, apoiado nun “movemento que vai de abaixo a arriba e que non podemos deixar de escoitar. Agora, con esta ilusión armaremos un novo proxecto gañador para volver gobernar esta cidade en solitario”

AVANTAR ACTIVIDADES

· Incide na necesidade de “recuperar o orgullo colectivo por vivir nesta cidade”

· Manuel Cabezas é o único afiliado que entregou os avais para liderar o PP da cidade antes do peche do prazo, fixado para esta tarde ás 20.00 horas. O Comité Organizador do congreso local extraordinario reunirase mañá para validar os avais e, se procede, declaralo candidato único á presidencia da agrupación local do partido.

Manuel Cabezas presentou esta tarde na sede do PP de Ourense os avais á súa candidatura á presidencia da agrupación local do partido na cidade.

Unha vez dado este paso, o precandidato expresou o seu agradecemento “ás bases, por expresar o seu desexo de que asuma a dirección do partido a nivel local”, ademais da os “nove presidentes de distrito por trasladar na súa reunión do pasado 4 de xullo esta postura colectiva, firmemente constatada ao recibir o apoio da militancia para avalar a miña candidatura”.

“Hoxe presento a miña candidatura para volver liderar o PP da cidade. Acepto este reto, e así llo trasladei aos presidentes de distrito na reunión que tivemos esta tarde”, continuou Cabezas, despois de oficializar a súa precandidatura ao entregar os avais ao presidente do Comité Organizador do congreso local extraordinario, Jorge Pumar.

O precandidato á presidencia local do PP de Ourense sinala que “dei este paso adiante animado polo desexo de tanta xente, que me pediu que revitalice o partido a nivel local para que o partido poida volver ser o que foi nesta cidade”. Cabezas avanza a súa vontade de liderar un “proxecto de futuro e gañador” para que o PP de Ourense retome “o camiño a través do que gobernamos a cidade entre 1995 e 2007, logrando esa transformación da cidade que moitos lembran e trasládanme, definíndoa como unha etapa de progreso e eficaz xestión municipal coa que os veciños senten identificados e orgullosos da súa cidade”.

Manuel Cabezas incide na necesidade de “recuperar o orgullo colectivo por vivir en Ourense”. Nesta liña de traballo, explica que “non foi só a militancia do partido a que me pediu que dea o paso. Moitas persoas a título individual, algunhas coñecidas e outras non, manifestáronme a súa ilusión por recuperar o que fixemos ao longo deses 12 anos de goberno municipal”.

Con este horizonte, Cabezas declara o seu desexo de tomar as rendas do PP da cidade no congreso extraordinario que se celebrará este sábado 23 de xullo no Centro Cultural Marcos Valcárcel e “abrir unha nova etapa de ilusión en Ourense”, apoiado nun “movemento que vai de abaixo a arriba e que non podemos deixar de escoitar. Ourense merece desenvolver un novo ciclo político e entre todos conseguirémolo. Porque estou seguro de que con esta ilusión armaremos un proxecto gañador para volver gobernar esta cidade en solitario”.

ÚNICO PRECANDIDATO.

Manuel Cabezas foi o único afiliado da agrupación local do PP de Ourense que presentou os avais para tomar as rendas do partido na cidade antes do peche do prazo, fixado para esta tarde ás 20.00 horas.

Mañá, o Comité Organizador reunirase para validar os avais e, se procede, declarar a Manuel Cabezas como candidato único á presidencia da agrupación local do PP de Ourense de fronte ao congreso local extraordinario do 23 de xullo. Antes desenvolverase a campaña interna, entre os días 13 e 18 de xullo.