César Fernández será o único candidato á presidencia da agrupación do PP en Ribadavia

César Fernández asume o reto da reelección como presidente da xunta local co “obxectivo claro e irrenunciable de recuperar a alcaldía de Ribadavia para o Partido Popular”

·      O candidato quere o partido sexa “unha ferramenta útil para que as veciñas e veciños de Ribadavia recuperen a ilusión”, aspirando a que “o concello volva a ter a posición de liderado que tivo na comarca como capital do Ribeiro”

AVANTAR ACTIVIDADES

O Comité Organizador dos Congresos locais extraordinarios do Partido Popular de Ourense proclamou hoxe a César Fernández como candidato único á presidencia da agrupación popular en Ribadavia, unha vez comprobada a validez de todos os apoios presentados. O xa candidato aspira así a reelección como presidente desta xunta local no conclave previsto para o próximo día 22.

César Fernández agradeceu o apoio recibido entre a militancia de Ribadavia “para asumir novamente o reto de presidir o PP neste municipio”. Un paso que afirma dar “coa máxima responsabilidade e ilusión”, ao tempo que formula a principal meta que debe afrontar neste novo período: “O obxectivo claro e irrenunciable de recuperar a alcaldía de Ribadavia para o Partido Popular”.

Tralo remate do congreso e desde o primeiro minuto, asegura Fernández, “será a miña obriga comezar a traballar para alcanzar este obxectivo”. O candidato á presidencia da agrupación local quere que o partido sexa “unha ferramenta útil para que as veciñas e veciños de Ribadavia recuperen a ilusión”, pero engade que tamén deben aspirar a que “o concello volva a ter o esplendor e a posición de liderado que tivo na comarca como capital do Ribeiro”.