Moción de Espazo Común para que se introduzan melloras urxentes no proxecto de estación intermodal

                                                         EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A decadencia do transporte público no noso pobo nos últimos anos é un feito máis ca evidente pero non por iso menos doloroso e preocupante para os que queremos que O Carballiño teña futuro.

AVANTAR ACTIVIDADES

A perda constante de liñas de tren ata contar tan só con dous ao día (un a Ourense e un a Santiago) en horarios imposibles de combinar para ida e volta; a supresión da venda de billetes e de todo o persoal de atención ao público da estación de tren, foron duros golpes que se foron dosificando por parte do ADIF cun claro obxectivo: rematar por pechar a estación, como xa fixo en moitos outros lugares.

A pesares de ser unha empresa estatal, só atende ao criterio da rendibilidade co que o seu fin perde totalmente a consideración de servizo público.

A situación das liñas de autobús, sen ser tan agónica, tampouco é para bater palmas.

É por isto polo que todos agardabamos como auga de maio polo proxecto de estación intermodal, que posibilitaría unir e combinar as rutas de tren coas rutas de bus, abrindo así un novo abano de alternativas para a recuperación do transporte público na nosa comarca.

Preocupados pola falla de información dun proxecto de tanta trascendencia, dende Espazo Común pedimos no pasado pleno que se fixera un exposición pública do mesmo. Ao ter acceso á documentación descubrimos aterrados o que Xunta e goberno do PSOE do Carballiño tiñan xa pactado: un pendello.

Así de claro. Dúas ou tres marquesinas na chaira da RENFE. Iso é todo. Sen persoal, sen baños, sen cafetería, sen punto de información…

O peor foi cando descubrimos que xa estaba todo asinado e acordado. Non, iso non foi o peor. O máis lamentable foi ter que escoitar ao alcalde en pleno dicir que se enterara pola prensa do proxecto. Cando foi él o que asinou o acordo coa Xunta.

Estamos totalmente a favor da intermodal pero non podemos consentir que se nos despache así.

Pouco hai que engadir. O delirio é total e a desidia do goberno local está a ser unha lousa difícil de levar para este pobo.

Por iso pedimos que, de xeito urxente, se garantan os servizos que permitan que a intermodal do Carballiño teña os prestacións necesarias e non remate por ser unha nova coitelada para os nosos veciños.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                                         SOLICITAMOS

  1. Que se garantan servizos imprescindibles na Estación Intermodal: a subrogación do persoal da actual estación, aseos, punto de venda de billetes e información, servizo de cafetería…