A Xunta reforza o equipamento da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cortegada cunha embarcación para rescate

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega desta lancha que se empregará en actuacións de emerxencias en augas continentais e que se suma aos case 146.000 destinados polo Goberno local á AVPC de Cortegada en material nos últimos anos.

Santiago Villanueva destacou o labor altruísta dos voluntarios de Protección Civil para velar pola seguridade da cidadanía e puxo en valor o apoio que prestan aos demais servizos de emerxencias

AVANTAR ACTIVIDADES

Lembrou o compromiso da Xunta con estas organizacións con 18M€ investidos nos últimos anos, dos que 14M€ corresponden á adquisición de material e 4M€ a gastos de funcionamento

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega hoxe dunha embarcación de salvamento á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Cortegada na que a Xunta investiu máis de 11.600 euros para que este servizo poida empregar en funcións de rescate e actuacións de emerxencias en augas continentais, no marco do apoio do Goberno galego a esta organización, cun total de preto de 188.000 euros.

A lancha entregouse cun remolque de aceiro galvanizado con capacidade de 500 quilos. Conta ademais con flotadores inchables e ten unha eslora de 3,99 metros e manga de 1,88 metros cunha carga máxima -incluíndo persoas- de 1.000 quilos. 

Deste xeito, tal e como asegurou Santiago Villanueva, a Xunta mantén o seu compromiso en dotar aos servizos de emerxencias dos concellos do material necesario para que poidan realizar as súas intervencións nas mellores condicións e con todas as garantías. Ademais, puxo en valor o traballo altruísta dos voluntarios de Protección Civil, que en moitas ocasións son os primeiros en chegar ao lugar das incidencias e prestan un apoio imprescindible aos demais servizos de emerxencias mobilizados.

Tamén lembrou que a Xunta leva investidos nas AVPC da comunidade un total de 18 millóns de euros, dos que 14 millóns corresponden á adquisición de material de emerxencias. De feito, esta agrupación tamén foi beneficiaria dunha das 26 tendas de campaña de emerxencias no marco da última orde de axudas para reforzar o equipamento deste colectivo na comunidade, dotada con 1 millón de euros, así como dun esparexedor de sal. Entre o material cedido nos últimos anos aos voluntarios de Cortegada inclúense tamén outro esparexedor de sal, 3 vehículos tipo pick-up, 1 remolque de emerxencias, 1 desfribilador e un traxe e unha pértega para as actuacións de loita contra a velutina, o que supuxo case 146.000 euros investidos.

O Goberno galego convoca ademais anualmente outra liña de subvencións de 340.000 euros, que o ano pasado permitiu financiar os gastos de 190 agrupacións dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios. Nos últimos anos, o investimento nesta orde de axudas acada os 4 millóns de euros, 42.186 euros en apoio aos custos da AVPC de Cortegada.

No que se refire ao reforzo do equipamento dos servizos de emerxencias a contía total supera os 22 millóns de euros, entre 14 millóns destinados ás AVPC e os 8,5 millóns para o material dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), do que 1,5 millóns corresponden a equipamento cedido este ano. Ademais, a Xunta asume máis da metade dos custos de funcionamento anual -máis de 10 millóns este ano- destes grupos. Así ocorre co GES da subzona do Ribeiro con sede en Ribadavia e que ademais deste concello e o de Cortegada, atende aos municipios da Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Melón, Padrenda e Toén.