En resposta ao BNG a Xunta manifesta non ten previsto trasladar as dependencias da Audiencia Provincial de Ourense da súa actual ubicación no Pazo de Xustiza

Así o manifestou o Director Xeral de Xustiza en resposta ás preguntas plantexadas polo deputado Iago Tabarés ante o anuncio do Presidente da Deputación de Ourense de estar barallando o Pazo de Xustiza como alternativa á sede actual da Deputación

O novo Director Xeral de Xustiza en resposta ás preguntas plantexadas polo Grupo Parlamentar do BNG a respecto do anuncio feito polo Presidente da Deputación de Ourense de trasladar temporalmente a sede provincial ao Pazo de Xustiza, manifestou que a Xunta non ten previsto mudar as dependencias da Audiencia Provincial e do xulgado e fiscalía de menores da súa actual ubicación. Igualmente recoñeceu que tal posibilidade non lle foi solicitada por ningunha administración pública, como tampouco se solicitou a posibilidade dun traslado, provisorio ou definitivo, da Deputación Provincial de Ourense ao Pazo de Xustiza.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo o Director Xeral, a única comunicación que recibiu a Xunta de Galiza foi o rexeitamento da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza, tanto por cuestións de fondo como de forma, á proposta do Presidente da Deputación de Ourense.

Naquela altura, desde o BNG manifestouse a sorpresa a tal recoñecemento pois a nova “ocorrencia” de Baltar foi tras reunirse co Xefe Territorial da Xunta en Ourense, polo que para o deputado Iago Tabarés, “resulta evidente que os dous representantes actuaron por libre e sen respecto á lei, nin a Administración de Xustiza”, ao que engade, “resulta incompresible que se anunciara publicamente a posibilidade do traslado da Deputación Provincial sen un mínimo análise ou estudo previo”.

Para Tabarés, “o acontecido evidencia tanto o nulo rigor do Presidente da Deputación, como a descoordinación existente dentro do PP e mesmo dentro da propia Xunta de Galiza, pois o Xefe Territorial admite unha posibilidade co total descoñecemento da Xunta de Galiza”.

Por outra banda, o BNG, ante a primeira comparecencia do novo Director Xeral de Xustiza, expresou a súa vontade de colaboración para superar a calamitosa situación na que se atopa a administración de xustiza en Galiza, agardando que, a diferenza dos seus antecesores, recolle esta política de man tendida e construtiva que ofrecen desde a formación nacionalista.