Os socialistas acusan ao alcalde de malversar caudais públicos e anuncian que solicitarán de forma urxente un informe de intervención municipal cuantificando os gastos relativos a persoal e dotacións
Lembran que o alcalde desmantelou un equipamento fundamental como ‘La Molinera’ para financiar o desorbitado prezo dun proxecto “inviable, caprichoso e totalmente alleo ás competencias municipais”
O PSdeG-PSOE de Ourense reproba o
“fraudulento despilfarro” de millóns de euros das arcas municipais tralo
“estrepitoso fracaso” do Centro de Intelixencia Artificial de Gonzalo Pérez
Jácome e acusa ao alcalde de “malversar caudais públicos nun proxecto
inviable, caprichoso e totalmente alleo ás competencias municipais”.
Así as cousas, dende o grupo socialista adiantan que solicitarán, de xeito
urxente, un informe de intervención municipal cuantificando os gastos relativos
a persoal e dotacións da defunta infraestrutura, co obxectivo de reclamar
responsabilidades.
“Basta xa de malversar cartos públicos sen consecuencias”, manifestou o
voceiro socialista, Rafa Villarino. “Todos sabemos que Jácome é unha persoa
carente de capacidade de planificación, sen perspectiva e ao que o único que lle
interesa realmente é o titular, pero neste caso ese titular é moi caro porque xa
levamos enterrado millóns de euros nunha infraestrutura municipal que todo o
mundo sabía que estaba condenada ao fracaso, incluso o propio alcalde”.
Dende o grupo municipal socialista lembran tamén que o alcalde desmantelou
un equipamento singular, histórico e fundamental como era o centro de
coñecemento ‘La Molinera’, polo que “loitaron e traballaron representantes
municipais de distintas cores políticas” para poder financiar “o desorbitado
prezo” dun proxecto caprichoso e delirante, con competencias enmarcadas no
ámbito universitario.
“Como de costume, o alcalde busca escusas para non recoñecer a súa propia
culpa, neste caso escudándose na falta de apoios externos para dar viabilidade
a este proxecto, pero a realidade é que estamos ante a crónica dunha morte
anunciada”, conclúen.