Os deputados e deputados socialistas de Ourense e Lugo impulsan unha prposición no congreso para a mellora da estrada N-540 que une as dúas provincias

Adolfo Pérez Abellás, Uxía Tizón, Ana Prieto e Javier Cerqueiro queren promover unhas actuacións de conservación “moi necesarias”, co fin de “incrementar a confortabilidade e seguridade”

Consideran “prioritario continuar nesta senda de melloras dunha estrada vital para a metade de Galicia”, xa que afecta ás cidades de Lugo e Ourense, pero tamén a outros dez municipios

AVANTAR ACTIVIDADES

O deputados e deputadas socialistas de Ourense e Lugo veñen de rexistrar unha proposición non de lei no Congreso, co fin de impulsar a mellora da estrada N-540, que une as dúas provincias do interior de Galicia. Adolfo Pérez AbellásUxía TizónAna Prieto e Javier Cerqueiro queren promover canto antes unhas actuacións de conservación “moi necesarias”, co fin de “incrementar a confortabilidade e seguridade” dos usuarios e usuarias desta vía de comunicación entre a terceira e a cuarta cidade da comunidade.

Concretamente, a iniciativa que se votará no Congreso “insta ao Goberno de España a continuar impulsando o arranxo da N-540 entre as provincias de Lugo e Ourense, avanzar e seguir intensificando as obras, singularmente no que afecta á reposición do firme e sinalización vertical e horizontal”. Tamén reclama seguir “acelerando na medida do posible os prazos que se contemplan dentro do programa de conservación e mantemento da Rede de Estradas do Estado, para así mellorar a calidade do servizo desta infraestrutura viaria estatal”.

“Na actualidade esta vía ten un firme dificilmente transitable, por mor dos efectos do desgaste que son claramente visibles, motivo de numerosas e frecuentes demandas veciñais e municipais, respecto do mantemento e reposición do firme”, salientan desde o PSOE. Por iso consideran que “é prioritario continuar nesta senda de melloras dunha vía de comunicación vital para a metade de Galicia”.

Os parlamentarios e parlamentarias socialistas destacan que a N-540 é unha estrada nacional que une estas dúas provincias limítrofes, cun traxecto de 94 quilómetros entre ambas as capitais e que se percorre nun tempo medio de 1 hora e 26 minutos. “Lugo e Ourense son as únicas capitais galegas de provincia sen conexión por autovía ou autoestrada”, sinalan antes de recordar que a “realidade demográfica de ambas provincias é a imparable perda de habitantes no último século”.

Igualmente salientan a importancia desta vía para a vertebración do interior de Galicia, xa que non só conecta as dúas cidades, senón que tamén presta servizo ao resto de poboacións pertencentes aos municipios de Guntín, Portomarín, Chantada, Taboada, Carballedo, Monterroso, Antas de Ulla, A Peroxa, Coles e Vilamarín.

Actuacións xa en marcha

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), consciente da necesidade de actuacións nesta estrada nacional logo dos lustros de absoluto abandono da vía por parte dos gobernos do PP, xa priorizou proxectos de actuación nela nos últimos tempos. E por iso, por exemplo, iniciou o pasado maio obras de rehabilitación estrutural do firme da travesía de Guntín entre os puntos quilométricos 17,2 e 18,4. Anteriormente tamén se actuou nalgúns dos puntos máis deteriorados da vía en ambas provincias. “Con estas actuacións mellórase a seguridade viaria e a comodidade e tamén se lle da un impulso significativo a calidade de servizo da infraestrutura”, insisten.

Estas actuacións inclúese no programa de conservación e mantemento da Rede de Estradas do Estado, a través do que se investiron centos de millóns desde xuño de 2018 nas provincias de Lugo e Ourense.