Ourense acollerá o 3 de febreiro de 2023 o Pleno da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, que participou hoxe en Madrid na reunión deste órgano, agradece a elección de Ourense como sede da penúltima xuntanza prevista para o actual mandato

Esta designación, afirma, “referenda o traballo que vimos de facer para visibilizar a importancia dos gobernos provinciais”. Subliñou a planificación, anticipación e innovación como eixos dun traballo “reflectido no apoio prestado ao pequenos concellos e nos servizos habilitados para a cidadanía”

AVANTAR ACTIVIDADES

A xuntanza principou cunha concentración en memoria do edil Miguel Ángel Blanco, no 25 aniversario do seu asasinato a mans de ETA. Unha homenaxe “moi sentida”, afirmou Rosendo Fernández, “tanto pola orixe familiar do concelleiro -A Merca e Xunqueira de Espadanedo- como polo tributo a todos os servidores públicos asasinados polos terroristas” 

Entre os temas a abordar no próximo pleno da comisión está incidir no papel dos gobernos intermedios na xestión dos fondos europeos e axudas para mellorar a ciberseguridade das administracións públicas

O vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe en Madrid na reunión da subcomisión permanente do Pleno da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP, órgano de traballo do que forma parte a institución provincial ourensá xunto cos representantes doutras 17 entidades públicas. Unha convocatoria na que os asistentes acordaron que Ourense acolla o 3 de febreiro de 2023 o plenario da comisión, na que será a penúltima xuntanza prevista para o actual mandato.

Rosendo Fernández agradeceu a elección de Ourense como sede do citado pleno, unha decisión que segundo afirmou “referenda o traballo que vimos de facer desde a Deputación ourensá para visibilizar a importancia dos gobernos provinciais”. O vicepresidente subliñou que ao longo destes anos trasladaron ao resto das deputacións, cabildos e consellos de toda España “os tres eixos fundamentais do noso traballo: planificación, anticipación e innovación, reflectidos no apoio prestado ao pequenos concellos e nos servizos habilitados para a cidadanía”.

Na reunión desta mañá, os asistentes tamén decidiron a sede do próximo pleno da comisión, que se celebrará na cidade estremeña de Cáceres o 3 de outubro, seguindo así o regulamento que establece a convocatoria deste órgano cada catro meses e de forma rotatoria. A orde do día completouse coa proposta dos temas que se abordarán nese encontro.

A xuntanza principiou cunha concentración ás portas da sede da FEMP, que convocou para este mediodía cinco minutos de silencio diante dos concellos de toda España en memoria do edil Miguel Ángel Blanco, no 25 aniversario do seu asasinato a mans de ETA. Unha homenaxe “moi sentida”, afirmou Rosendo Fernández, “tanto pola orixe familiar do concelleiro -A Merca e Xunqueira de Espadanedo- como polo tributo que rendemos a todos os servidores públicos asasinados por este  grupo terrorista”.

Rosendo Fernández acudiu a esta convocatoria en nome do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, que á súa vez forma parte do pleno da comisión e, por segundo mandato consecutivo, da xunta de goberno da FEMP.

O papel dos gobernos intermedios na xestión dos fondos de recuperación

Entre os temas tratados na reunión da subcomisión para abordar no próximo pleno da comisión, está o papel que deben xogar os gobernos intermedios na xestión dos fondos europeos de recuperación, ademais do novo marco comunitario e a necesidade de reforzar as achegas para mellorar a ciberseguridade das administracións públicas. “Cuestións de máxima relevancia para o futuro das administracións intermedias”, explicou Rosendo Fernández.