Programación cultural para a fin de semana: Festa da Palabra, música, feira e tradicións

Festa da Palabra, na Insua dos Poetas

A XIV (14ª) edición da Festa da Palabra celebrarase este sábado 16 de xullo na Insua dos Poetas coa presenza de Xosé Luis Méndez Ferrín e Ramón Lorenzo, fundadores de Brais Pinto, o colectivo homenaxeado nesta edición. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Entregaranse os premios Insua dos Poetas 2022, que recoñecen a labor cultural en sete modalidades diferentes. Os premiados son o escritor Ramón Caride -literatura-; ó arqueológo, historiador e secretario da Academia de Belas Artes de Galicia, Felipe Senén López; ó músico e fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero; ó Festival de Teatro Galego (FETEGA) “Celso Parada”; á crítica de arte e curadora de exposicións Pilar Corredoira; ó membro do Grupo Nós da Arxentina, José María Vila Alén; e ó programa da TVG “Cos pés na terra” -cultura rural-. Os sete gañadores recibirán unha peza orixinal do escultor Acisclo Manzano.

A xornada deste sábado arrancará na Insua dos Poetas ás 11,30 horas co presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar. A continuación, Lucía Álvarez e Xosé Luís Troitiña ofrecerán un recital poético-musical con textos de Brais Pinto. Ademais doutras actuacións musicais, farase entrega dos premios, e inaugurarase o conxunto escultórico en homenaxe a Brais Pinto, tres pezas realizadas polo artista ourensán Ramón Conde. A continuación celebrarase un xantar de confraternidade, con produtos ourensáns.

Feira do Tellado, no Irixo

O Inorde participará na celebración da Feira do Tellado que recupera o Concello de O Irixo. O nome da festividade débese a un lugar da parroquia de San Cosmede de Cusanca do municipio.

A feira terá lugar este domingo, día 17, con ruta cabalar, xantar popular, espectáculo de lume e competición ecuestre, entre outras cousas.

O Icorde estará presente cun stand informativo para dar a coñecer o traballo deste organismo provincial a prol do sector primario e tamén o fará coa exhibición do seu programa de razas autóctonas.

Todo o lugar se convertía nun inmenso Campo da Feira onde os feirantes vendían todo tipo de materias primas, aínda que principalmente tratábase dun mercado de gando.

Esta festividade servía para vender todo tipo de materias primas, sobre todo, gando, e este ano volverá a converterse o campo da Feira nun lugar de encontro lúdico e gastronómico.

No Carballiño, fin de semana de música

Esta noite aínda chegan a tempo de desfrutar do concerto de Tino Baz, na Praza da Veracruz, que foi aprazado ata as 22:00 horas a causa das altas temperaturas. Trátase dun cantautor en lingua galega, que esta hoxe no Carballiño grazas á colaboración do concello ca agrupación cultural Avantar.

Mañá sábado, haberá música tradicional polas rúas con motivo de animar a feira. Pola noite, ás 20:30 horas na rúa principal, un novo concerto de “Feito no Carballiño”, neste caso ca foliada de Terras do Arenteiro.

O domingo, máis música, ás 20:00 horas no auditorio Manuel María, ca Banda Unión Musical de Allariz. E no parque municipal, seguen os bailes para maiores, todos os domingos do mes de xullo, ás 19:00 horas.

E tamén, honra á Virxe do Carme

Con motivo da festividade da Virxe do Carmen houbo Misa solemne hoxe na Veracruz, e ás 22:00 horas saírá a procesión de antorchas da Virxe do Carme, percorrendo as rúas do centro de Carballiño.  Mañá sábado a haberá misa solemne ás 12:00 horas no Templo da Veracruz.