A Deputación inclúe no plan anual de publicacións a edición de 18 obras sobre historia, patrimonio, etnografía, poesía, literatura e galeguismo

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Toda unha demostración da nosa firme aposta pola cultura a través da editorial máis importante da provincia”, destaca Manuel Baltar. Unha actividade “que nos distingue do resto de deputacións galegas por manter unha imprenta cunha importantísima tradición e promover a difusión da nosa identidade”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Aprobada polo Consello Asesor de Publicacións e cun orzamento de 100.000 euros, a programación permitirá a edición de once libros seleccionados de modo directo e sete obras máis elixidas mediante concorrencia competitiva

Manuel Baltar adiantou dúas novas publicacións para 2023: unha historia do pop-rock ourensán e un novo tomo sobre os artistas máis relevantes da provincia

A Deputación de Ourense editará este ano un total de 18 obras sobre historia, patrimonio, etnografía, poesía, literatura e galeguismo, tal e como reflicte o plan anual de traballo aprobado polo Consello Asesor de Publicacións. Unha programación que, cun orzamento de 100.000 euros, permitirá a edición directa de once libros seleccionados polo goberno provincial co respaldo unánime do propio Consello e outras sete obras máis elixidas mediante un proceso de concorrencia competitiva. 

“Toda unha demostración da nosa firme aposta pola cultura a través da editorial máis importante da provincia”, asegurou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, despois dunha reunión que mantivo co asesor de Cultura do goberno provincial, Aurelio Gómez Villar, para supervisar unha actividade que, destacou, “nos distingue do resto de deputacións galegas, non só por manter unha imprenta cunha importantísima tradición, senón por promover a realización de traballos e investigacións que difundan e destaquen a nosa identidade”. 

Os once traballos seleccionados polo goberno provincial co respaldo do Consello Asesor de Publicacións para a edición directa por parte da imprenta provincial refírense a obras sobre a actividade propia da Deputación; premios literarios, artísticos ou científicos outorgados pola propia institución; libros e biografías de autores ourensáns de recoñecido prestixio; ou reedicións de volumes xa esgotados.

Nesta categoría e cun orzamento de máis de 44.000 euros, o plan anual de publicacións inclúe o número 36 do Anuario da Gaita e as revistas Raigame sobre as Letras Galegas 2022, un especial sobre arqueoloxía e o xornal impreso con motivo da tradicional romaría que se celebra en Vilanova dos Infantes. Tamén figura a reedición do libro A indumentaria tradicional galega. O traxe feminino (impreso en 2010 e 2014) de Clodio Pérez; e Trives, historia dunha institución docente de Pablo Pérez e editada en 2008.

A Deputación publicará ademais unha obra inédita de Prado Lameiro realizada por Alberto Portela e unha biografía de Basilio Álvarez, froito da encarga directa de Manuel Baltar ao profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Cabo, ambas de carácter conmemorativo ao celebrarse o 80 aniversario do pasamento destes autores.

Tamén publicaranse de modo directo Ribeirana do Sil e A Noite, obras xa esgotadas do poeta ourensán Xosé Fernández e cuxa biblioteca vai ser doada á Deputación, así como tamén a obra que resulta gañadora no XIX Premio Pura e Dora Vázquez.

Nova liña sobre bens culturais da provincia

Polo que respecta ás obras seleccionadas por concorrencia competitiva, cun orzamento de máis de 55.000 euros, serán sete os traballos que se publicarán. Inclúese como novidade unha liña específica con dotación fixa (23.000 euros) para editar estudos e investigacións sobre bens culturais da provincia, contribuíndo ó seu coñecemento, divulgación e protección. Un libro sobre Oseira, de Francisco Xavier Limia Gardón; a Celanova medieval, de Carlos Míguez; e a ebanistería ourensá serán os tres primeiros traballos editados nesta modalidade.

As outras catro obras elixidas son La casa de Monterrey en el siglo XVII, de Agustín Diéguez; Mercedes e Rosa do Campo de la Fuente. Mestras comprometidas co galeguismo, de Rosa María Cid; Ourense no tempo, imágenes con historia, historia con imágenes, de Rafael Ángel Salgado; e La huella en Ourense del Zamora 8, de Fernando Ramos.   

Publicacións sobre música e arte en 2023

Despois desta reunión, Manuel Baltar adiantou a preparación de dúas novas publicacións para 2023. A primeira delas é un traballo de investigación que recollerá a historia da música pop e rock ourensáns ata os nosos días. O segundo será un novo tomo da colección impulsada pola Deputación sobre os artistas máis relevantes da provincia de Ourense. 

Composición do Consello Asesor de Publicacións

Na reunión na que se aprobou este plan anual, o Consello Asesor de Publicacións estivo presido polo vicepresidente terceiro, Plácido Álvarez, en representación do titular, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e estivo integrado pola deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, asistida polo asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar; Luis Domínguez polo Consello da Cultura Galega; Julio Prada, da UNED; Isabel Mociño en representación do Campus de Ourense; Clodio González, da Real Academia Galega; Luis González Tosar e Antonio Piñeiro por designación da presidencia; Ana Malingre, xefa da sección de Arquivo e Publicacións; e actuando como secretario Juan Marquina, secretario xeral da Deputación