A entrega dos premios Abrente e de Honra abre dez días de teatro na Mostra Internacional de Ribadavia

Onte inaugurouse a 38ª edición da MIT cun concerto da cantante Sheila Patricia e a entrega de Premios,o de Honra e o Abrente, na Igrexa da Madalena. O acto contou coa asistencia do Subdirector General de Teatro y Circo do Ministerio de Cultura, o Director da AGADIC da Xunta de Galicia, o Vicepresidente da Deputación de Ourense e a Alcaldesa de Ribadavia, entre outras autoridades políticas. O Director da MIT tamén deu a benvida e explicou o que está previsto para estes 10 días de encontro internacional que converten ao Ribeiro en capital escénica europea.

En palabras da alcaldesa de Ribadavia, o teatro é o “símbolo para o rexurdimento da cultura que gañou ao longo dos anos unha excelente reputación, mesmo a nivel internaciona”.  A Mostra é a plataforma cultural por excelencia das artes escénicas de Galicia, posta en marcha polo grupo Abrente, que creou desde Ribadavia para o mundo a paixón e a dignificación polo teatro da Galiza.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tras dous anos de limitacións debidas ás restricións impostas pola pandemia, o teatro é agora máis importante ca nunca.  Este é un ano de recuperación, tanto de eventos comona volta á normalidade. Para a alcaldes, a pandemia desafiou a todos os sectores, e tamén ó do teatro: profesionais da arte, técnicos, público…; pero agora pódese de novo “chegar a sentir o teatro ao vivo, nun anfiteatro, no castelo de Ribadavia; deixar o espazo virtual, refuxio temporal, polo asento e a compaña, compartindo miradas e críticas”.

A alcaldesa tivo tamén palabras de agradecemento para o Centro Nacional de Difusión Musical, Agadic, e Deputación de Ourense, patrocinadores locais, que garanten que a Mostra siga sendo un referente cultural e social. Tamén tivo un especial recordo para Rubén García , anerior director da Mostra, veciño de Ribadavia e quen xa non está, quen ademáis lle da nome ó auditorio do Castelo. 

A primeira fin de semana do festival, venres 15, sábado 16 e domingo 17 conta con grandes citas, todas elas estreas en Galicia ou estreas absolutas. Grandes espectáculos no Castelo, algúns con entradas case esgotadas, pero que se poden adquirir o propio día na sede do festival, pois hai reserva para venda inmediata. Tamén se poden adquirir en ataquilla.com

Para non perder son os espectáculos La Infamia, coa gran actriz Marina Salas o domingo ás 23h00 no Castelo. Un espectáculo que requerirá de medios técnicos especiais pola introdución dun todoterreo como elemento escenográfico no escenario. Unha montaxe con importancia da linguaxe audiovisual e documental para falarnos das memorias de Lydia Cacho, unha xornalista activista mexicana que destapou varias tramas de corrupción no seu país e por ese motivo tivo que exiliarse.

Tamén no Castelo, a versión de Hamlet que tanto está a emocionar, de Teatro La Plaza, con dirección de Chela de Ferrari ou a chegada a Galicia de La Calòrica, coa súa gran comedia Las Aves de Aristófanes e o auxe dos populismos. Pero ademais do Castelo, asistiremos esa fin de semana á estrea de Sofá, circo acrobático cun sofá suspendido no aire, con  Marta Alonso Tejada e Pablo Reboleiro, na Alameda, o sábado ás 21h00. E o domingo ás 20h30 un espectáculo moi especial, na Igrexa da Madalena, sobre as mulleres rapadas na Guerra Civil española.

Xa entrada a semana, haberá grandes espectáculos que farán que por Ribadavia pasen máis de 100 artistas procedentes de distintos puntos do mundo, para un público esixente nun contexto único.