En Maside e O Carballiño: “parque escola sobre a reciclaxe e a horticultura ecolóxica”

O pasado luns, día 11 de xullo, a directora xeral de Administración Local, notificoulle ao concello de Maside a resolución de concesión á agrupación dos concellos de Maside e O Carballiño dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2022 por un importe total de 38.999,95 € para o proxecto denominado “Creación de parque escola sobre a reciclaxe e a horticultura ecolóxica na zona de confluencia dos concellos de Maside e O Carballiño, no lugar de Corzos“.

O orzamento total do proxecto ascende á cantidade de 59.999,93 € e o prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas remata o 31 de outubro deste ano.

AVANTAR ACTIVIDADES

O espazo escollido para a creación deste parque escola é unha parcela situada no lugar de Corzos, que pertence a ambos os dous municipios e de forma rectangular. Localizada entre as rúas de Epifanio Ferreiro e de Inocencio Portabales e as rúas de Paco Luís Bernárdez e de Juan Sieiro, ten unha superficie aproximada de 6.600 m2.

No parque escola combinaranse as actividades lúdicas (elementos infantís tematizados e xogos sobre a reciclaxe e os residuos) coas actividades prácticas (coidado das hortas ecolóxicas e dos frutais), cun obxectivo lúdico-educativo centrado nos valores medioambientais e no respecto e coñecemento da natureza.

O alumnado dos centros educativos de ambos os dous concello, e mesmo da comarca, poderá utilizar esta nova infraestrutura como actividade formativa en valores relacionados co medioambiente, coa reciclaxe e co ciclo das plantas e cultivos ecolóxicos; e fomentar así unha conciencia ecolóxica potenciadora dun consumo responsable, baseado tanto no consumo de produtos de proximidade como da necesidade de aplicar a regra dos 3 “r”: reciclar, reducir e reutilizar, o que contribuirá a conseguir unha sociedade medioambientalmente sostible. Con esta nova infraestrutura educativa preténdese que os cativos e os maiores asimilen e interioricen dun xeito lúdico o respecto polo medioambiente, pola agricultura ecolóxica e pola necesidade de reciclar, xerando un espazo de encontro entre a comunidade, de traballo en equipo e un cambio nos seus hábitos nutricionais.