Moción do Bng de Ribadavia pola recuperación dos servizos de transporte público e a súa bonificación

SEN TRANSPORTE PÚBLICO NON HAI A SÚA BONIFICACIÓN

O BNG RECLAMA A REPOSICIÓN DOS SERVIZOS DE TREN E BUS PARA QUE A VECIÑANZA DE RIBADAVIA POIDA ACOLLERSE Á A SÚA ANUNCIADA BONIFICACIÓN

AVANTAR ACTIVIDADES

O Ministerio de Transporte ven de anunciar a bonificación do tren de Cercanías e Media Distancia a partir de setembro pero os servizos ferroviarios que se prestan en Ribadavia foron diminuíndo polo que estas medidas que incentivan o uso do transporte público son impracticables para a nosa veciñanza. Hoxe só ten parada en Ribadavia un tren da liña de rexionais entre Ourense e Vigo, e se alguén se despraza de Ribadavia a Ourense xa non ten tren en que regresar ate o día seguinte.

 SaídaChegada
Ribadavia-Ourense15:4916:10
Ourense-Ribadavia10:0510:24
Ribadavia-Vigo10:2412:05
Vigo-Ribadavia14:1015:49

No caso do bus, coa posta en marcha por parte da Xunta do sistema de bus baixo demanda, na práctica xa non circulan os buses de liña que conectaban Ribadavia cos concellos da contorna, ao que se lle engade a proposta do Ministerio de que as liñas estatais deixen de facer parada en Ribadavia.

Urxe recuperar os servizos perdidos de transporte público, sen os cales calquera medida de bonificación terá un efecto nulo nun territorio coma o noso dependente do vehículo privado para todo tipo de desprazamento.
         Por estes motivos o BNG propón ao pleno municipal deste próximo 28 de xullo unha moción para demandar ao Ministerio de Transportes a recuperación de tres servizos diarios (mañá, mediodía e serán) de tren con parada en Ribadavia, así como demandar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que se manteña a anterior circulación sen previa demanda na prestación do servizo de liñas de autobús entre Ribadavia e os demais concellos e vilas da nosa contorna.

MOCIÓN POLA RECUPERACIÓN DOS SERVIZOS DE TRANSPORTE PÚBLICO EN RIBADAVIA E A SÚA BONIFICACIÓN

A crise enerxética e de prezos está a por de manifesto a importancia do transporte público. O propio Ministerio de Transporte defíneo como “un medio de transporte seguro, fiable, cómodo, económico e sostible, que nunha conxuntura extraordinaria de incremento sostido dos prezos da enerxía e os combustibles” é fundamental para asegurar a mobilidade cotiá da cidadanía, polo que se ven de anunciar a bonificación do tren de “Cercanías, Rodalies e Media Distancia” a partir de setembro.

O transporte público permite aforrar gasto en enerxía, reduce a conxestión e a sinistralidade do tráfico por estrada e axuda aos colectivos máis desfavorecidos da nosa sociedade a realizar os seus desprazamentos cotiáns.

No entanto, os servizos ferroviarios que se prestan en Ribadavia foron diminuíndo polo que estas medidas que incentivan o uso do transporte público son impracticables para a nosa veciñanza, que continuará suxeita ao uso do vehículo privado. Hoxe só ten parada en Ribadavia un tren da liña de rexionais entre Ourense e Vigo, e se alguén se despraza de Ribadavia a Ourense xa non ten tren en que regresar a Ribadavia ate o día seguinte.

Algo semellante sucede co transporte público por estrada: a posta en marcha por parte da Xunta do sistema de bus baixo demanda está a resultar en que na práctica deixaron de circular os buses de liña que conectaban Ribadavia cos concellos da nosa contorna, ao que se lle engade a proposta do Ministerio de que os buses deixen de facer parada en Ribadavia nas liñas estatais.

Urxe recuperar os servizos perdidos de transporte público, sen os cales calquera medida de bonificación terá un efecto nulo nun territorio coma o noso excesivamente dependente do vehículo privado para todo tipo de desprazamento.
         Por estes motivos propomos ao  Pleno do Concello de Ribadavia a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1. Demandar ao Ministerio de Transportes recuperación de tres servizos diarios (mañá, mediodía e serán) de tren con parada en Ribadavia, que historicamente circularon na liña Ourense-Vigo, para permitir os desprazamentos cotiáns bonificados á cidadanía do Ribeiro.

2. Demandar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que se manteña a anterior circulación (sen previa demanda) de buses ou minibuses na prestación do servizo de liñas de autobús entre Ribadavia e os demais concellos e vilas da nosa contorna.