Antón Jardón
Curriculum Antón Jardón
«El vino que tiene Asunción, / no es blanco, ni es tinto, ni tiene color»
(Canción popular)
Pedro Sánchez nunca deixa de contrapoñer os conceptos esquerda e dereita, para inculcarnos a teimuda idea de que el e a súa parroquia conforman e aglutinan o espazo político de tinguidura progresista, tratando así de avalar unha dicotomía que, malia ser evidente na sociedade, na praxe cotián do Goberno español merece unha credibilidade semellante á que nos inspira Alberto “Npunto” Feijóo, cando pretende venderse como un político de perfil moderado. E, iso ocorre porque, apampados diante da televisión, talmente daltónicos e submisos, aceptamos que os que teñen a tixola polo mango gozan do dereito sobrenatural a seguirnos embobando impunemente, no canto de insubordinarnos e esixirlle que nos permitan coñecer o que realmente acontece.
Algo semellante sucede tamén nos espazos políticos do nacionalismo, ou mesmo nesoutra dicotomía máis maina onde gurran centralismo e autonomía. Distraen o noso padal coa comida resesa que cociñan en Madrid –iso o que a semana pasada lle chamaban ‘debate sobre o estado da nación’– malia que, segundo o seu CIS, non lle sabe nin lle interesa a case ninguén. E nós calamos, deixándonos imbuír polas parvadas e mantras capitalinas, no canto de teimar no xusto e necesario ‘debate do Estado de nacións’, no incuestionábel carácter plurinacional do Estado, para que ninguén se esqueza que a reivindicación e o recoñecemento efectivo das cuestións identitarias son as mellores vitaminas que precisamos para alcanzar máis benestar social.
Maiormente –ou mellor dito, obviamente– no eido dos principios, naquilo que nos debería incumbir a todos e todas –ou alomenos a quen nos consideramos progresistas– na Dicotomía con maiúscula, na porfía cada vez máis necesaria e urxente entre democracia e autocracia ou ditadura, permitimos que medra a confusión constante, mentres as esencias –a liberdade, a participación, a transparencia,..– se van extenuando e perdendo o seu brío, ata deixármolas escapar polos escuros sumidoiros da insignificancia: o poder xudicial manda, no canto de xulgar, os borbóns son intocábeis a pesar de todo, xa ninguén se acorda do significado de Pegasus, ao crime de Melilla restámoslle importancia, da guerra de Ucraína só nos está permitido conxugar o “si, guana” e as barbaridades que se cometen dende as entrañas dos sumidoiros que amentabamos antes, coñecidas como as cloacas do Estado, son as dignas servidumes que debemos pagar para garantir a unidade da patria.
E así seguimos, alegres e felices, bailando a yenka ao ritmo da música que eles tocan: Izquierda, izquierda, derecha, derecha / Adelante, detrás, un dos tres,… mentres Sánchez, Feijóo, un tal Abascal e a nossísima Yolanda se van convertendo en auténticos «fásmidos», unha caste de insectos aos que lle muda a pel ata transformarse en vexetais inertes, para camuflarse discretamente segundo esixen as imposicións da contorna, para así evitar que os engulan os insectívoros que, obviamente, andan á súa espreita.
[O meu tío Lisardo coida que, malia tanta semellanza entre os tales e os fásmidos,aínda hai unha pequena diferenza: no caso dos bichos só existe o instinto de supervivencia e xamais perden o seu norte, mentres que os nosos líderes, cada vez que se camuflan, renuncian a unha parte do seu ideario, para camiñar sen rumbo e levarnos canda eles, á procura dese lugar incerto, máis coñecido como Ningures. Velaí a pequena diferenza].
Outros Artigos de Antón Jardón :
“A insipidez minguante da esquerda cortesá”
” Don Alberto e a astroloxía luscofusquiana “
Aaai!, se as paredes falasen, don Alberto.
” Feijoo e a reconciliación coa familia (política) “
” O seu nome fede a pólvora queimada, excelentísimo señor! “
” Feijóo rebenta os freos ao atravesar ao Padornelo “
” Contra o carnaval de Madrid, viva o entroido de Xinzo! “
” Cando as rogativas non dan acabado coa sequía “
” O desencanto de don Claudio “
” Vai moito frío en Penalonga “
“Unha ovella na tulla do diñeiro”
” A galiña que pon os ovos sen data de caducidade “
” Contando tardes, sobre todo, tardes “
” A señora da máscara no papo (e a educación no sobaco) “
“Paco Picholas e os elementos noctámbulos ”
” A codia das ausencias en tempos adversos “
” A algarabía cuántica da covid-19 e a matanza da señora Clotilde [relato] “
” A contumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro [relato] “
” Que diferenza hai entre a denta-dura de Trump e o dentame de Bide? “
” Maldita escuridade! (Sempre anoitece con máis Vox e menos Nós no horizonte) “
” Guerra patriótica: nacionalismo madrileño contra centralismo español “
” Ménage à trois nas cloacas do Barbaña “
” Algo cheira a rancio na cidade dos biosbardos “
” Casabranca e o lado íntimo da pseudo-política ourensá.”
” Non hai doce sen trece (corolario) “
” Non hai doce sen trece (segunda parte) “
” Non hai doce sen trece (primeira parte) ”
” Antollo e o xurelo guisado [relato] “
” O can vello, o amo e o patrón [relato] “
” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “
” O corvo e o alcalde [relato] “
” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “
” Unha muller confinada no supermercado “
“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”
” 5 de abril, Domingo de Ramos “