A MIT de Ribadavia pecha a 38ª edición certificando a fidelización e a calidade

O Premio do Público desta edición 2022 foi para Hamlet, da compañía peruana Teatro La Plaza. O público concedeulle un 4,78 sobre 5. De preto e en segundo lugar o espectáculo Demente, cun 4,68 e en terceiro posto La Infamia cun 4,42. A implicación do público tamén se comproba nas porcentaxes de votación ao finalizar a representación, que se viu notablemente incrementada con respecto a anteriores edicións.

A coherencia e a aposta polo compromiso social desta edición, que ten en conta as marxes e a inclusión ou a memoria, tamén suscitou o interese e a maior curiosidade do público nos foros da MIT, que se realizaron todos os días despois de cada función no Patio do Museo Sefardí con aforos completos e unha participación moi activa. Esta iniciativa amosa o compromiso pola calidade dos servizos e a convicción de que unha verdadeira casa do teatro non é só un espacarate de espectáculos, senón unha preparación de actividades pedagóxicas e divulgativas para comprender, preguntar e facer que a experiencia sexa máis completa e gratificante para o público. Nese sentido, dentro das actividades paralelas, tamén queremos destacar a relevancia e trascendencia social e profesional que tivo o 1º Encontro Interxeracional de Profesionais das Artes Escénicas de Galicia. Nel produciuse un memorable espazo de convivencia, reflexión e propostas para unha mellor relación profesional nos procesos de creación entre as novas compañías e profesionais e as máis veteranas. Deste 1º encontro sairán unhas conclusións que serán trasladadas ás administracións competentes para impulsar actividades e prácticas que favorezan a inserción, mentorización, reciclaxe profesional do sector e optimización dos recursos para o ben común.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na análise final e valoración tanto dos aspectos positivos coma dos asuntos a mellorar despois desta 38ª edición, a MIT constata a relevancia dos espazos SputMIT e Ruadavia como un lugar para o fomento das artes de rúa, que se verán incrementadas cara a futuras edicións na medida do posible. Os espectáculos nocturnos e itinerantes iranse incorporando unha vez pasada a recuperación das restricións da pandemia polas rúas e prazas de Ribadavia. Outro aspecto no cal a organización seguirá traballando ten que ver coa confortabilidade do público no Auditorio Rubén García do Castelo, unha vez instaladas as butacas co aforo completo, para que a experiencia se vexa acompañada pola calidade do programa e a beleza do entorno.

En conclusión, esta foi unha edición de reafirmación da calidade e da distinción, de convicción do sentido das oportunidades únicas nun ano Xacobeo de certa saturación e explosión de cadeas de actividades. A MIT, neste contexto, aposta pola sustentabilidade, a proxección de continuidade e evolución nos parámetros de fidelización e identidade propia nun diálogo internacional constante.