O turismo deste verán deixa cifras de 80% de ocupación hoteleira e preto de 20.000 persoas desfrutaron xa das actividades culturais

O Carballiño vovle a recuperar o seu esplendor turístico de cara verán, con imaxes que nos recordan á situación vivida antes da pandemia. Dende o concello, fixeron unha valoración turística, en canto a cifras, dos últimos dous meses, que deixa bos resultados e tamén un respiro para os sectores económicos. Aínda que a vaga de calor provocou a cancelación de reservas a última hora, as cifras de ocupación hoteleira recupéranse e superouse o 80 % de media entre os meses de xuño e xullo. A previsión é acadar ao 100% en agosto, mes de vacacións por excelencia e cando a Festa do Pulpo estrea a denominación de interese turístico internacional.

Cífrase en preto de 20.000 o número de persoas que xa participaron nas actividades culturais das últimas semanas, destacando pola gran afluencia de público a Feira Medieval, o Entroido de Verán e o concerto de Heredeiros da Cruz.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na Oficina de Turismo, a cifra a día de onte superaba os 200 visitantes, o que xa supón un incremento en relación ao 2021 e o dobre en comparación co 2020. A maioría procedían doutros puntos da comunidade galega e do territorio nacional, se ben tamén destacan os turistas de Francia e México. No cámping Arenteiro foron un total de 60 os turistas españois rexistrados, fronte ao medio cento de estranxeiros chegados de diferentes puntos do mapa como Holanda, Alemania, Reino Unido, Estados Unidos, Francia, Italia, Portugal ou Bélxica.