Manuel Baltar celebra a entrada de Castrelo de Miño na axenda internacional dos deportes náuticos coa celebración da Coupe de la Jeunesse

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu este mediodía a presentación oficial desta competición, que do 5 ao 7 de agosto reunirá no Parque Náutico de Galicia a máis de 400 deportistas e máis de 120 embarcacións pertencentes a 16 países

O presidente da Deputación destacou o esforzo económico que supuxo o investimento de medio millón de euros para habilitar as infraestruturas necesarias, supervisadas por todos os órganos federativos: “Este será o preludio de moitas probas futuras, porque o Parque Náutico de Galicia ten todas as condicións para elo”

AVANTAR ACTIVIDADES

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, felicitouse “porque entre todos fixemos posible a primeira pista internacional olímpica de piragüismo e remo en Castrelo de Miño”, un lugar que o alcalde, Avelino Pazos, cualificou como “paraíso único na ría do Ribeiro”

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu este mediodía a presentación oficial da Coupe de la Jeunesse, que do 5 ao 7 de agosto reunirá no Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, a máis de 400 deportistas e máis de 120 embarcacións pertencentes a 16 países. Un momento histórico para este concello do Ribeiro, para Ourense e para Galicia, afirmou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, que celebrou “a entrada de Castrelo de Miño na axenda internacional dos deportes náuticos”.

Ademais de Manuel Baltar, no espazo cultural da Deputación déronse cita tamén o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, acompañados polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Federación Española de Remo, Ricardo Unzueta; o presidente da federación galega, José Manuel Seijas; a presidenta do Club Náutico de Castrelo de Miño, Beatriz Alberte; o director operativo da proba, José Manuel Rodríguez; e o director xeral de Caldaria, Javier Soto. Tamén houbo palabras de agradecemento polo apoio á candidatura ourensá por parte da presidenta da federación española, Asunción Loriente, que non puido acudir ao acto.

Manuel Baltar lembrou que tras recoller o 8 de agosto de 2021 en Linz (Austria) a bandeira que acredita a celebración no Parque Náutico de Galicia da Coupe de la Jeunesse, “puxémonos a traballar para responder a un desafío destas características e acreditar, unha vez máis, a nosa capacidade organizativa”. Hoxe, engadiu o presidente da Deputación, “é un motivo de enorme satisfacción presentar un dos grandes eventos deportivos do ano”, ao tempo definiu a representación de institucións e entidades presentes no acto como “a foto da cooperación”. 

Mostrando as medallas que se entregarán nesta copa, Manuel Baltar asegurou que “este será o preludio de moitas probas futuras, porque o Parque Náutico de Galicia ten todas as condicións para elo”. Destacou neste sentido o esforzo económico que supuxo para a Deputación o investimento de medio millón de euros “para habilitar as infraestruturas necesarias, supervisadas por todos os órganos federativos”. Puxo así en valor a aposta do goberno provincial citando ademais o centro de alto rendemento de Laias, “como lugar de referencia para a preparación de seleccións e xerme de medallas olímpicas”.

Unha extraordinaria lámina de auga

José Ramón Lete felicitouse por conseguir un dobre obxectivo.  Primeiro “porque entre todos por fin fixemos posible a primeira pista internacional olímpica de piragüismo e remo en Castrelo de Miño”. En segundo lugar “porque despois de perseguila durante moito, a primeira vez en 2009, agora acollemos esta competición”. Ourense, destacou o secretario xeral para o Deporte, conta cunha extraordinaria lámina de auga en Castrelo de Miño, “onde agardamos que España e particularmente Galicia poidan facer podio nesta copa”.

Avelino Pazos agradeceu ao presidente da Deputación, á Xunta de Galicia e ás federacións española e galega de remo a aposta por celebrar esta competición “nun paraíso único como a ría do Ribeiro”, ao tempo que afirmou que esta copa “é o inicio dunha longa aventura de campionatos internacionais de remo que terán como sede Castrelo de Miño”.

Categoría de campionato de Europa

A Coupe de la Jeunesse chega ao Parque Náutico de Galicia trala celebración da última edición en Austria. Trátase dunha prestixiosa proba internacional de remo para deportistas de entre 16 e 18 anos, nas modalidades feminina e masculina, en representación de 16 países. A copa, que ten categoría de Campionato de Europa, celebrarase en 2023 na capital de Holanda, Amsterdam