A Deputación adhírese aos seis Grupos de Desenvolvemento Rural da provincia achegando apoio técnico, xurídico e económico

O pleno, na sesión ordinaria de xullo, acordou á integración nas asembleas dos GDR, converténdose a Deputación na primeira institución provincial galega en formar parte como socia de todos os grupos existentes no territorio: Ourense-Adercou, Carballiño-Ribeiro, Limia-Arnoia, Monteval, Sil-Bibei-Navea e Valdeorras 

A corporación provincial aprobou unha declaración institucional na que se solicita a designación como “zona afectada gravemente por emerxencia de protección civil” para os espazos destruídos polos incendios forestais rexistrados desde o pasado 14 de xullo na comunidade galega 

AVANTAR ACTIVIDADES

Aceptáronse senllas propostas sobre a mellora das estradas provinciais nas comarcas do oriente ourensán, ademais da aposta por un transporte público terrestre de viaxeiros axeitado ás necesidades de Galicia 

O pleno da Deputación, reunido esta mañá na sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo e baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a adhesión da Deputación aos seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) da provincia de Ourense, converténdose así na primeira institución provincial galega en integrarse como socia nas asembleas de todos os grupos existentes no seu territorio: Ourense-Adercou, Carballiño-Ribeiro, Limia-Arnoia, Monteval, Sil-Bibei-Navea e Valdeorras. 

A iniciativa é o resultado dunha proposta aprobada por unanimidade no último debate sobre o estado da provincia, celebrado o 16 de novembro de 2021, e ampliada con posterioridade polo presidente do goberno provincial mediante a apertura dunha liña de colaboración económica. Así, e xunto coa posta a disposición dos servizos técnicos e xurídicos da Deputación, os seis GDR recibirán este ano unha achega de 60.000 euros, 10.000 para cada un dos grupos, segundo consta na modificación de crédito aprobada no pleno do pasado abril. 

Os GDR teñen como principal función xestionar fondos europeos para desenvolver programas de dinamización local, contando para este fin coa colaboración de organismos públicos e colectivos de representación empresarial, social e veciñal nos territorios que abarca cada grupo. 

O pleno tamén aprobou unha declaración institucional na que se solicita a designación como “zona afectada gravemente por emerxencia de protección civil” para os espazos destruídos polos incendios forestais rexistrados desde o pasado 14 de xullo na comunidade galega.  

Os grupos políticos representados na corporación provincial reclaman ao Goberno que inicie o procedemento para esta declaración de emerxencia, contemplada na lei 17/2015, “pola grande extensión do terreo calcinado e as vivendas destruídas”. Tamén se reclama a aprobación das medidas que establece a citada lei, entre as que figuran axudas económicas a particulares, medidas fiscais de exención tributaria e medidas laborais e de Seguridade Social. 

Modificacións de crédito 

Na orde do día figuraban dúas modificacións de crédito correspondentes aos orzamentos xerais da Deputación e do Inorde. Polo que respecta á Deputación, o expediente inclúe seis modificacións no presuposto vixente, todas elas de carácter cualitativo en tanto só pedíase o cambio de finalidade das respectivas subvencións. Cinco dos cambios corresponden a solicitudes dos concellos da Peroxa, A Rúa, Riós e Bande, neste caso con dúas peticións, e o sexto expediente á Asociación de Cabalistas O Mundil. 

No tocante ao Inorde, a modificación de crédito tiña como obxectivo especificar as contías e beneficiarios de dúas subvencións nominativas por un importe total de 25.000. A primeira delas para o Concello de Parada de Sil, por valor de 10.000 euros, con destino a un autobús lanzadeira ao mosteiro de Santa Cristina. A outra axuda ten como destinatario o Concello da Veiga, con 15.000 euros para a II Exposición gandeira e agrícola de Trevinca. 

O capítulo económico complétase coa aprobación da Conta Xeral da Deputación de Ourense e dos seus órganos asociados -Inorde; Consorcio provincial do servizo contra incendios e de salvamento; e Consorcio de Augas de Valdeorras- correspondente ao ano 2021, trámite que quedara aprazado no pasado pleno de xuño. 

Estradas provinciais e transporte público 

No apartado de proposicións, a corporación aprobou senllas mocións referidas ás comunicacións por estrada e o transporte público. Por unha banda aceptouse unha proposta sobre a mellora das estradas provinciais nas comarcas do oriente ourensán, tanto na zona de Valdeorras como de Viana, Trives e Manzaneda. Nesta iniciativa ínstase á Deputación a executar o proxecto da estrada de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, así como a elaborar unha análise técnica de necesidades das vías de titularidade provincial para, con posterioridade, redactar e aprobar de xeito consensuado un plan de investimentos. 

Na moción sobre o transporte público pídese ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que na futura Lei de Mobilidade Sostible figure de modo explícito a aposta polo transporte público de viaxeiros, axeitado ás necesidades de Galicia. Solicítase tamén que se manteñan as actuais liñas por estrada e as súas paradas, ademais de realizar un estudo de novas rutas, transferindo á Xunta de Galicia a xestión das paradas e a adaptación das frecuencias en territorio galego.  

Sobre o ferrocarril, a proposta pide a recuperacións de horarios nas comunicacións coa Coruña, a mellora de infraestruturas, a recuperación das estacións da Rúa-Petín e O Barco de Valdeorras, conexións eficientes en horarios e frecuencias con esta comarca, a conexión nocturna con Barcelona e a execución da variante sur que unirá o corredor atlántico galego con Portugal desde Tui.