A Insua dos Poetas acolle este venres 5 de agosto ao grupo de folk arxentino-galego Sete Netos

A Insua dos Poetas acolle este venres, día 5 de agosto, o concerto gratuíto do grupo de folk arxentino-galego Sete Netos. A cita, na que colabora a Deputación de Ourense e a Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, comezará as 20,30 horas na Esgueva (Madarnás  – O Carballiño). 

Sete Netos é unha banda de música folk, tradicional galega con fusión de folclore arxentino e iberoamericano- formada en 1998 en Buenos Aires. A maioría dos seus integrantes proceden do Grupo de Música e Danza do Centro Galicia de Buenos Aires. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O grupo está formado por netos de emigrantes galegos -de aí o nome da banda- que se formaron dende rapaces na música tradicional de Galicia. Teñen colaborado con grupos de prestixio internacional como Milladoiro, The Chieftains, Carlos Núñez, Luar na Lubre, Berrogüetto e outros grandes que visitaron Bos Aires, sendo eles mesmos unha referencia neste tipo de música en toda Latinoamérica. 

A crítica resalta o traballo de Sete Netos combinando instrumentos tradicionais con outros máis contemporáneos, establecendo interesantes conexións entre a música do universo celta e a música tradicional de América. Son os difusores na República Arxentina e noutros países de forte emigración galega -Uruguay, Chile, Brasil, Venezuela, México e Panamá- dunha mestizaxe entre a música dos seus ancestros, dándolle un matiz moderno e innovador, con expresións tradicionais da Arxentina e toda Iberoamérica. 

A Insua dos Poetas, un referente no mundo literario e no campo das artes plásticas que xa ten acollido no Anfiteatro Nós concertos de Sés, Milladoiro, Luar na Lubre ou Iván Ferreiro

A Insua dos Poetas, unha iniciativa levada a cabo ao longo de quince anos de actividade cultural inintorrompida, constitúe un referente no mundo literario e no campo das artes plásticas. E desde a inauguración en 2020 do Anfiteatro NÓS, conmemorativo do centenario da revista Nós, ten acollido importantes concertos musicais como o de Sés, Milladoiro, Luar na Lubre, A banda da Loba, Iván Ferreiro ou Xisco Feijóo. 

“E agora, fiel aos nosos principios de ter en conta a Galicia do alén, o quefacer a prol da nosa lingua e a nosa cultura na diáspora, a Insua dos Poetas será o escenario natural do Grupo Sete Netos de Bos Aires”, explica o presidente da Fundación Insua dos Poetas, o poeta Luís González Tosar. 

Longa traxectoria dun grupo de referencia na difusión da música tradicional galega

Sete Netos lanzou o seu primeiro disco -homónimo- o 20 de abril de 2002, nun concerto no auditorio de Belgrano, en Bos Aires, diante de máis de 5.000 persoas. O 10 de maio de 2008 presentaron o seu segundo traballo discográfico, “Fogaxe”. Esta vez no Teatro del Globo, unha das principais salas porteñas. Pouco despois levarían a cabo a súa primeira xira por Galicia, con concertos en Santiago, A Coruña, Vigo ou Pontevedra. 

Nesta segunda andaina de Sete Netos por Galicia estarán presentes por primeira vez na provincia de Ourense.

Integran Sete Netos Gabriel Alberto Ponte -gaita, flautas, tin whistle e percusión-, Alberto López Barros -gaita, flautas, saxo, low whistle, ocarina, acordeón e teclados-, Jorge Alberto Sisto Mellid -guitarra, bandurria, laúd, batería, tambor e derbake-, Hugo Edgardo Reverditto Antúnez -pandeireta, bombo, cunchas, bodhran, djembe, derbake e percusión-, Marcelo Olveira Cambeiro -batería, djembe, derbake e guitarras-, Pablo Rouco -teclados, gaita, acordeón e arpa- e Nicolás Pérez -gaita, flautas, tin whistle, guitarras, violín e acordeón-.