Montse Lama incorpórase ao PP de Ourense: “Non é momento para experimentos. Este é o partido que mellor representa aos veciños da nosa provincia”

O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, remarca que esta incorporación remarca a “nosa aposta pola estabilidade” e incide na apertura do partido: “Esta achega é unha nova aposta por Ourense”

·     A deputada reivindica que “debemos xuntar forzas para dar estabilidade e seriedade a Ourense, e sacar adiante todos os proxectos de futuro posibles” 

AVANTAR ACTIVIDADES

Montse Lama retorna ao Partido Popular de Ourense. A deputada formalizou a súa afiliación na sede provincial do PPdeOU, despois dunha reunión co presidente provincial, Manuel Baltar. 

Manuel Baltar sinala que “a volta de Montse Lama ao Partido Popular é a volta á formación política que mellor defende os intereses da provincia de Ourense. Ela o sabe, cando estivo, e o sabe cando non estivo. Ela viu coma o noso rigor e a nosa filosofía de traballo, ten a Ourense en letras maiúsculas”. 

O presidente do PPdeOU incide que “a estabilidade que demandamos, non so no goberno provincial, senón en todas as institucións nas que temos representación, ven novamente avalada por esta incorporación, por esta volta a casa de Montse Lama”. 

Manuel Baltar enmarca esta nova incorporación na apertura do PPdeOU: “Nos últimos días tamén vimos como Manuel Cabezas referendaba o seu liderado na capital da provincial. Todos facemos falta, en política sumar é multiplicar. E esta achega a nosa formación de Montse Lama é unha nova aposta por Ourense”. 

MONTSE LAMA: “ESTAMOS UNIDOS POLO AMOR A NOSA TERRA”

Pola súa banda, Montse Lama explica que “nestes meses de negociacións co grupo de goberno da Deputación démonos conta de que temos moitos puntos en común, únenos Ourense, o amor pola nosa terra, a preocupación polo benestar dos nosos veciños, e a ilusión de seguir traballando por unha provincia cargada de oportunidades. Oportunidades que sabemos interpretar e que faremos realidade con novos proxectos de futuro”. 

A deputada explica que “o panorama que estamos a vivir a nivel nacional é desolador, provocado por un goberno socialcomunista que non ten o coñecemento nin a capacidade para sacar adiante un país”. “Tamén por isto  -explica a nova afiliada ao PPdeOU- debemos axuntar forzas para dar estabilidade e seriedade á nosa provincia e sacar adiante todos os proxectos posibles. Non son momentos para experimentar, este é o partido que representa aos veciños da nosa provincia e o natural é a miña volta ao PP para plantar cara a esta nova esquerda radical”.