Os Museos das Estacións do Inorde abertos durante a época estival

Os Museos das Estacións do Inorde abertos durante a época estival

Ata o 15 de setembro, veciños e turistas poderán coñecer os espazos expositivos que albergan o Museo do ferrocarril, nos Peares, e o legado do artista Moncho Borrajo, en Baños de Molgas

AVANTAR ACTIVIDADES

“O obxectivo é sumar a oferta cultural das Estacións para dinamizar os núcleos rurais nos que se atopan”, explicou Rosendo Fernández

Os Museos que ten o Inorde nas antigas Estacións de tren, concretamente o de Baños de Molgas e o dos Peares, abrirán durante a época estival, ata o 15 de setembro, para que veciños e turistas poidan coñecer parte da riqueza cultural e histórica de Ourense a través destes espazos expositivos que albergan o legado do artista Moncho Borrajo e o Museo do ferrocarril, respectivamente.

“O obxectivo é sumar a oferta cultural das Estacións para dinamizar os núcleos rurais nos que se atopan”, explicou Rosendo Fernández, que ademais lembra que por primeira vez se realiza unha programación de horarios estable durante o verán para a Aula-Museo do Ferrocarril, complementando a oferta cultural da Ribeira Sacra, trala experiencia previa realizada na pasada Semana Santa.

Horarios

Na estación dos Peares, pódese visitar o museo do Ferrocarril os mércores, xoves  e venres, en horario de 17.00 a 20.00 horas, os sábados de 11.00 a14.00 e desde as 17.00 ás 20.00 horas, os domingos de 10.00 a 14.00 horas; e os festivos de 11.00 ás 14.00 horas.

Pola súa parte, na estación de Baños de Molgas atópase o museo Moncho Borrajo que pode visitarse nos seguintes horarios: mércores e xoves desde as 17.00 ás 20.00 horas, venres e sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, os domingos de 16.30 a 20.30 horas; e os festivos de 11.00 a 14.00 horas.

Os visitantes que procedan a selar os seus “billetes de tren” en sendas estacións participarán en sorteos de visitas guiadas á enclaves da provincia de Ourense.

Museo do Ferrocarril, enclavado na Ribeira Sacra

A Aula-Museo do Ferrocarril situada na estación de Os Peares, singular enclave de A Ribeira Sacra (municipio de A Peroxa), conta cunha exposición permanente sobre a historia do ferrocarril en Ourense, situada no antigo peirao de mercadorías. A aula do ferrocarril, concibida como un espazo único, está organizada en seis bloques temáticos: infraestruturas como aparellos e elementos de vía, sinalización, electrificación…; lampistería (farois de iluminación de locomotoras, estacións, sinalización…). A colección conta ademais con elementos de comunicación (centrais, reloxos…) uniformes, e complétase con modelismo, xoguetes e arte. Destaca unha peza histórica nesta exposición que é a antiga mesa de encravamento da Estación de Ourense Empalme.

Museo Moncho Borrajo

O Museo Moncho Borrajo na estación de Baños de Molgas. Un espazo cultural que recolle a totalidade do legado do artista, con material de atrezzo utilizado ao longo da súa carreira, premios, obxectos persoais, pinturas, curiosidades así como documentación sobre a súa vida e as súas obras; os artigos máis representativos da vida cultural e persoal do dramaturgo ourensán nado nesta localidade. Ademais da súa biblioteca persoal con máis de 3.000 libros.

Con esta iniciativa o Inorde pretende contribuír a dinamizar a oferta turística cultural nestes dous puntos da provincia de Ourense, especialmente pensada para as familias mediante a visita aos Museos das antigas estacións de tren que foron rehabilitadas co proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Interreg III A España-Portugal FEDER.