Exposicións no Museo da Limia

Dende onte venres e ata o 15 de setembro, contamos con dúas novas exposicións no Museo da Limia e poderán visitarse todos os sábados e domingos, en horario de 11:30 h a 13:30 h e de 17:00 h a 19:00 h.

VECIÑOS, retratos a pluma de Manuel Traveso. Consta dunha vintena de láminas nas que aparecen personaxes coñecidos de Vilar de Santos.

AVANTAR ACTIVIDADES

ENCONTROS ARTESÁNS, traballos de alumnos/as que participaron en obradoiros (cestería, bordado e pintura) organizados pola asociación de mulleres, Arracada, asociación de artesáns, Limiar, Padroado do Museo da Limia e concello de Vilar de Santos.

O Presidente do Museo da Limia

Delfín Caseiro

VECIÑOS

O artista MANOLO TRAVESO volve engalanar,  pouco tempo despois da súa primeira exposición, as paredes do Museo da Limia. Nesta ocasión, faino con  detallados e precisos retratos de persoas de antes e de agora, parentes e amigos, xentes do lugar que viven a súa e tamén  a nosa existencia.

Traveso captura con habelencia a expresión, a xesticulación, o estar e os acenos de  individuos que quixeron facer deste territorio a súa morada das emocións. O dominio da arte do debuxo con pluma e tinta negra permítelle ao creador trasladar con mestría ao papel a alma e o sentir de personaxes reais, auténticos e latexantes, como se fosen fotografías descontinuas. Talento e paciencia, dedicación e empeño, combínanse con acerto para nos agasallar unha vez máis cunha vintena de imaxes cargadas de forza evocadora, que recrean a existencia sosegada e leda de algúns dos nosos achegados.

ENCONTROS ARTESÁNS

Esta fermosa mostra de obxectos, colectiva e plural, nace da feliz confluencia da iniciativa dos artesáns de LIMIAR, da implicación entusiasta da Asociación de Mulleres de Vilar de Santos (ARRACADA) e da querenza anovadora do MUSEO DA LIMIA.

Oficios e artes asócianse e enriquécense na casa da memoria e da vida para nos faceren os días máis pracenteiros e atractivos. Maos femininas creativas executan disciplinadas o desexo imperativo de beleza. Obradoiros de saber e de aprender, de saber facer, de saber vivir, que despertan a nosa vocación estética, para calmar a ansia existencial e confortar o ánimo. Impartidos con alto nivel por Julia Márquez (PINTURA), Sergio Moreno (CESTARÍA) e Mercedes Véitez (BORDADO). As pinturas, os cestos e os bordados, realizados polos trinta asistentes aos talleres, que podemos contemplar hoxe na antiga reitoral conforman as primeiras manifestacións deste afortunado encontro de ilusións e intereses, que lle está a conferir unha nova dimensión ao museo.