A Xunta apoia a conciliación corresponsable en Ribadavia con tres campamentos nos que participan preto de 170 nenas e nenos de 3 a 14 anos

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe dúas actividades que se están levando a cabo a través do Plan Corresponsables coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Secretaría Xeral para o Deporte
  • Lorenzana tamén desprazouse ata o programa Aviaconcilia que desenvolve o Concello, co financiamento autonómico, a través da orde de axudas dirixida a fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das entidades locais, consorcios ou mancomunidades galegas
  • A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a investir este ano máis de 16 millóns de euros a apoiar a conciliación corresponsable, o triplo que o pasado ano

Ribadavia (Ourense), 9 de agosto de 2022.- A Xunta está a apoiar en Ribadavia a conciliación corresponsable este verán co desenvolvemento de tres campamentos nos que están a participar preto de 170 nenos e nenas. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as tres actividades que se están a levar a cabo na actualidade e que se enmarcan nas múltiples actuacións que ao longo de todo o ano teñen lugar para favorecer nos concellos galegos a conciliación e a corresponsabilidade das familias galegas, con especial énfase e reforzo no período estival. De feito, Lorenzana destacou que só a Consellería que dirixide está a investir este ano 16 millóns de euros no eido da conciliación, máis do triplo que o ano pasado.

O primeiro dos campamentos realízase no Museo Etnográfico no marco do programa Bibliotecas, Museos e Arquivos Corresponsables, que se leva a cabo en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través do Plan Corresponsables para promover a equidade e a igualdade da man da cultura. Este programa conta para toda Galicia cun investimento de 265.430 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

En Ribadavia están a participar 38 nenos de entre 6 e 12 anos, os cales están a desenvolver diversas accións relacionadas cun medio ambiente sostible partindo da regra das tres erres: reducir, reutilizar e reciclar. Entre as actividades que levan a cabo destacan, ademais, a pesca tradicional ou a olería para concienciar aos máis pequenos do valor que ten o medio natural no que viven. Así mesmo, neste campamento, que remata o próximo 12 de agosto, estase a poñer en valor o labor das mulleres na historia, facendo tarefas vinculadas ao tecido ou ao transporte de auga.

A segunda das actuacións que visitou Lorenzana desenvólvese tamén no marco do Plan Corresponsables a través da colaboración que manteñen a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte cun financiamento global de 3,5 millóns de euros. Trátase dun campamento socio deportivo de balonmán que se está a realizar entre os meses de xullo e novembro con 30 cativos de 6 a 14 anos.

Aviaconcilia

Por último, o programa Aviaconcilia lévase a cabo grazas á colaboración do departamento autonómico co Concello de Ribadavia, que foi beneficiario da orde de axudas da Xunta  destinada a fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos concellos, consorcios ou mancomunidades galegas. Esta actuación, que tamén ten lugar en Semana Santa e en Nadal, estase a levar a cabo nas instalacións do antigo colexio Tomás de Lemos con 100 nenas e nenos de 3 a 12 anos.

Este programa de apoios contou para toda Galicia con 1,4 millóns de euros en 2022. Na provincia de Ourense, o investimento superou os 450.000 euros, o que permitiu poñer en marcha 28 programas de conciliación en 41 concellos. As iniciativas que se están a desenvolver en toda a provincia están a beneficiar a 1.049 familias e 1.378 menores de 18 anos.

A conciliación é un eixo prioritario das políticas da Xunta. Ademais dos diferentes programas de axudas,  é preciso lembrar que a nova Lei autonómica para a igualdade efectiva entre mulleres e homes prestará especial interese á igualdade e o benestar laboral e á conciliación da vida persoal e profesional.

Así mesmo, no segundo semestre deste ano está previsto finalizar a avaliación completa do I Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade (2018-2021) e presentar o II Plan, que terá unha vixencia ata 2027.

Segundo a conselleira, é preciso “seguir avanzando nun modelo de sociedade de roles compartidos e equilibrados e é importante un cambio de actitude, a xeración dunha nova cultura a favor da igualdade e o benestar laboral, valores que se deberían ir interiorizando desde idades temperás”, rematou.