Cortegada celebra este fin de semana a XII edición da Feira de Artesanía e de Porco Celta

A cita, que conta coa colaboración da Deputación, abarca un programa no que á tradicional feira e o xantar popular do domingo, 14 de agosto,  suma os concertos de Óscar Ibáñez e A Roda, ademais de actividades infantís, degustacións ou obradoiros

Ourense, 9 de agosto de 2022.- Cortegada celebra este fin de semana a XII edición da súa Feira de Artesanía e de Porco Celta, un evento gastronómico e cultural organizado polo Concello coa colaboración da Deputación de Ourense e que este ano abarca, ademais da feira de artesanía e o xantar popular de porco celta -o domingo 14 de agosto-, citas como os concertos de Óscar Ibáñez -o venres día 12- e A Roda -sábado 13 de agosto-, actividades infantís, degustacións e varios obradoiros.

AVANTAR ACTIVIDADES

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial na presentación da Feira de Artesanía e de Porco Celta acompañado polo alcalde de Cortegada, Avelino de Francisco, e da concelleira de Cultura, Begoña Estévez. César Fernández felicitou na súa intervención ao Concello por un evento que “reivindica o noso patrimonio, cunha festa popular de coidada programación para todos os veciños e visitantes”, e avanzou o apoio da Deputación a este tipo de proxectos, que “axudan a dinamizar o noso rural”. 

O alcalde recoñeceu o apoio da Deputación á celebración da festa, ademais da cooperación da Xunta a través da celebración do concerto de Óscar Ibáñez, “un gran gaiteiro que é un artista de referencia” e que chega a Cortegada encadrado dentro do ciclo do Xacobeo. Avelino de Francisco remarcou que esta edición supón a “volta á normalidade despois de dous anos de parón pola pandemia, nesta festa da artesanía, da música e das nosas tradicións”. 

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Begoña Estévez, destacou a alta participación na Feira de Artesanía -30 postos, o tope establecido para esta edición- e a variada programación, con elementos como o “tobogán inchable ou os obradoiros”. 

Programación da XII edición da Feira de Artesanía e de Porco Celta

A XII edición desta festa organizada polo Concello de Cortegada arrancará o venres, día 12 de agosto, co concerto de Óscar Ibáñez & Tribo no Campo da Feira, a partir das 22,30 horas. E o sábado 13 de agosto será o momento para a ruta de tapas polos bares coa Charanga Caliqueños -ata as 00,00 horas- e o concerto de A Roda, no Campo da Feira, a partir das 23,30 horas. 

O domingo 14 de agosto terá como actividades centrais a Feira de Artesanía, que comeza as 11,00 horas na Praza Bos Aires, e o xantar de porco celta -ás 14,30 horas, cun menú que tamén inclúe paella, viño do Ribeiro, postre e café-. Ademais, a xornada contará cunha degustación de viño do Ribeiro, dúas exhibicións de cetrería, obradoiros de construción de gaitas e de cristal, o tobogán inchable, unha festa da escuma e a animación musical das pandereiteiras Sadeo e a charanga BBB.