A Xunta invistirá máis de 8.1 m€ en 16 obradoiros duais na provincia de Ourense nos que se formarán e accederán a un traballo 320 persoas sen emprego

  • O delegado territorial subliñou que o Goberno autonómico, ademais, está a tramitar na actualidade unha partida adicional de 10M€ para toda Galicia poder chegar a máis beneficiarios
  • Gabriel Alén explicou que os obradoiros dirixidos a menores de 30 anos son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo
  • O delegado territorial sinalou que na provincia de Ourense a Xunta de Galicia tamén investiu 369.000 euros noutro Obradoiro de Emprego dirixido a menores de 30 anos, neste caso o pertencente á Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense

Ourense, 11 de agosto de 2022. –  A Xunta destina 8.158.292 euros á posta en marcha de 16 obradoiros duais de emprego na provincia de Ourense. Así o anunciou esta mañá o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, na sede da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Verín, a onde se desprazou para clausurar o obradoiro de emprego para persoas mozas “Mocidade  da Mancomunidade de Verín VI”, no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investiu 369.492,32 euros na formación de 16 alumnos – traballadores nos módulos froitocultura (8) e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (8).

O delegado territorial explicou que os obradoiros dirixidos a menores de 30 anos son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral. O obxectivo é incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén sinalou que na provincia de Ourense a Xunta de Galicia tamén investiu 369.000 euros noutro Obradoiro de Emprego  dirixido a menores de 30 anos, neste caso o pertencente á Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense, o programa  ‘Manco Xove V’, no que se forman a 9 alumnos – traballadores nos módulos de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas-, e a 7 no de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Os concellos beneficiarios son: Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo. Os Obradoiros teñen unha duración de 12 meses.

As actividades desenvolvidas no módulo de froitocultura leváronse a cabo na finca de ensaios de viña e cultivos asociados do Centro Agro Gandeiro do Inorde e na finca de Albarellos, ámbalas dúas no concello de Monterrei. Os labores consistiron en actuacións con castiñeiros, traballos de mantemento do viñedo, desbroces, traballos de rega de plantacións, poda do viñedo, enramar viñedo, posteado, colocación de arame e colocación de titores en viña de nova plantación, mantemento das cepas do viñedo, mantemento vexetativo da viña, rega de oliveiras e limpeza e mantemento da plantación.

As actividades desenvolvidas no módulo de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais desenvolveuse na Residencia de Vilardevós, Residencia de Cualedro e na Residencia Irmanciñas dos anciáns desamparados de Verín.

Obradoiro duais

Con respecto á convocatoria 2022/203 dos obradoiros duais, que son tamén para maiores de 30 anos,  a Xunta, tras resolver a orde de axudas con 16 talleres na propia provincia de Ourense, está a tramitar na actualidade unha partida adicional de 10M€ para poder chegar a máis beneficiarios, o que permitirá, cun orzamento global de 50,8 millóns, que unhas 2.000 persoas sen emprego poidan formarse e acceder a un contrato laboral a través de máis dun cento de talleres en toda Galicia.

O representante do Goberno galego aclarou que os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, polas mancomunidades de concellos e polas entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.