O Bng denuncia que o goberno municipal ten ao casco histórico, e ás veciñas e veciños, abandoado á súa sorte

O BNG é, con diferenza abismal, a organización política que máis iniciativas ten presentado ao longo do mandato, en relación coa situación da zona histórica, o que amosa non so a preocupación se non a importancia que para nós ten este espazo da cidade.

Unha zona histórica que esmorece a pasos axigantados, como así o reflicte o número de baixos pechados e a perda de poboación na última década, (algo máis de 1600 persoas ).  Este deterioro crecente é especialmente perceptible na zona sul,  onde a práctica totalidade dos baixos comerciais están baleiros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Calquera persoa que teña pensado abrir un negocio na zona histórica, singularmente nas rúas Villar, Cervantes, Colón, que noutrora foron o centro neurálxico da cidade, atópase con 2 problemas engadidos: os cheiros procedentes dos sumidoiros, e ademáis, cada vez que chove con certa intensidade os baixos anéganse de auga.

Este mércores as treboadas voltaron provocar situacións desagradables. Choivas intensas que saturan os colectores, o que provoca que “outras augas”, ademáis das da choiva,  residuos sólidos e roedores, saen ao exterior, xerando unha imaxe lamentable para a cidade, augas que acaban entrando nos locais, provocando perdas económicas para os seus propietarios e propietarias.

O BNG xa ten dito, por activa e por pasiva, que a renovación integral dos colectores do casco histórico debería ser unha prioridade para este goberno. Estamos a falar de aproximadamente 8 millóns de euros, que poderían ser cofinanciados, en todo ou parte polas distintas administracións, pero as prioridades son outras (a obra de Concordia custa 4,7 millóns de euros)

E ao non ser unha prioridade, o que pretende facer o goberno, para resolver un problema desta natureza, non deixa de ser unha chapuza, que pode acabar tendo consecuencias peores que as presentes. A “gran obra” pasa por meter un tubo paralelo ao colector existente (unha infraestrutura medieval de 2X2,80) por debaixo do edificio número 14 da rúa Cervantes, edificio que foi cedido no seu día á Xunta para rehabilitación e que esta “rexeitou, amablemente”, ao non estar libre de cargas.