O Psdeg denuncia que Ourense é a única urbe galega sen un plan de ocio estable para o verán e responsabilizan a Jácome da “gran seca cultural” que padece a cidade

Os socialistas alertan de que a cidade está deserta no que respecta á actividade cultural de estío, con menos de 30 eventos á vista, unha cifra que cuadriplican cidades coma A Coruña, Santiago ou Vigo

Aseguran que o novo reparto de áreas de Jácome delata o desinterese do alcalde pola cultura e esixen que o goberno local poña en marcha, de forma urxente, un plan de investimento cultural

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 11 de agosto de 2022. O PSdeG-PSOE denuncia que Ourense é a única urbe galega que carece dun plan de ocio estable para o verán e responsabilizan ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, da “gran seca cultural” que padece a cidade dende hai máis de tres anos. Así as cousas, dende o grupo municipal socialista reivindican novamente a necesidade de pór en marcha unha programación “á altura da terceira cidade de Galicia”, co fin de “evitar que Ourense continúe a ser un deserto cultural o que resta de mandato”.

“O panorama é desolador para os ourensáns e as ourensás, así como para todas aquelas persoas que nos visitan nestas datas, e que atopan unha cidade empobrecida a nivel cultural e termal”, lamentou o edil Xosé Rúas, quen destacou a necesidade de “habilitar axiña os recursos necesarios para pór en marcha a programación cultural de calidade que merece a cidade, co obxectivo de que nenos e maiores non teñan que fuxir de Ourense para encher os seus ocos de ocio e lecer”.

Neste sentido, os e as socialistas reclaman un plan de rescate cultural que comprenda unha programación ampla e diversa para todas as idades, coma a que xa existe na meirande parte dos concellos da contorna ourensá e no resto de Galicia. Salientan que a nivel galego están programados máis de 1300 eventos para o que queda de verán, dos cales só 30 van ter lugar na capital ourensá, unha cifra moi por debaixo da de cidades coma A Coruña, Santiago ou Vigo, que chegan a cuadriplicar os datos de Ourense con 135, 132 e 110 eventos respectivamente só nas capitais, segundo os datos da axenda cultural da Xunta de Galicia.

“É vergoñento comprobar que non estamos á altura das grandes cidades nin tampouco de concellos moito máis pequenos que contan con programas realmente ambiciosos, impulsados por gobernos locais que dan proba do seu compromiso co ocio e o lecer da cidadanía” sinalou Rúas. “Mentres, en Ourense temos un minigoberno que abocou a cidade á desertización cultural, con tan só 30 eventos á vista, dos cales a maioría pertencen á actividade da Biblioteca Nós”, censurou o edil.

O novo organigrama municipal

Dende o grupo socialista destacan que o novo reparto de áreas do Concello deixa en evidencia o claro desinterese de Jácome pola cultura, que queda diluída no novo organigrama e recae plenamente no alcalde baixo a denominación de ‘artes e festexos’.

“A día de hoxe, o único espectáculo é a dramática morte e agonía cultural de Ourense grazas ao alcalde Jácome, que ademais neste caso non pode botarlle as culpas a ninguén da falta de xestión porque esta área sempre estivo baixo a súa responsabilidade”, aclaran. “Malia a clara desafección do alcalde, nós continuamos a avogar por que a cultura adquira unha posición de máxima relevancia dentro das políticas locais, para que Ourense recupere o esplendor da Atenas galega”, sinalan.

Por último, censuran a “política escurantista” de Jácome en relación aos contratos de espectáculos, que dende o grupo solicitaron en numerosas ocasións sen obter resposta. Os e as socialistas entenden o silencio do alcalde a este respecto como un dos seus habituais intentos de obstaculizar do labor fiscalizador da oposición e ocultar intereses persoais e espurios.

“Preguntámonos se o alcalde-empresario Jácome non estará actuando como axente e manager de si mesmo, polo que seguiremos insistindo para obter todos os contratos que xa reclamamos e que aínda non nos foron facilitados”.