Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Por Felipe-Senén

Ao dicir pulpo ou polbo, inmediatamente a idea debe asociarse ao Carballiño. E así debe ser por ser comunidade que, historicamente, soubo, dende as esencias e tradicións populares, darlle aprecio ao fermoso cefalópodo, mítico e intelixente, o que cando se colle semella pedir clemencia. Pulpo que é unha extravagancia cósmica, como un extraterrestre entre nós. E veredes que non esaxero si leedes “El alma de los pulpos” (2018) do alemán Sy Mongomomery, que o cualifica como “a criatura máis sorprendente do planeta”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A media mañá do pasado luns 8 –  namentres un afiador de bicicleta, con chifro entre man e boca, recorría e animaba a vila acompañado do seu filliño atento á posible clientela –  abríase no Salón de Plenos do Concello esa segunda semana de agosto 2022 a que o Carballiño dedica ao pulpo, pra ter remate o domingo seguinte coa “Festa Internacional do Pulpo”, a gran romaría profana que no interior de Galicia celebra a un produto do mar. Pulpo ou polbo co que aquí ben se soubo negociar, transportar, lavar, mazar, secar e preparar, agora conxelado, pra logo cocelo en caldeiras, antes de cobre, modernamente de aceiro. Onde habilidosamente con tesoiras en man se sabe tallar e preparar nese xeito de cosmogonía que son os pratos de ameneiro: talladas, rabos anacos de casulo, con sal, pementón e aceite arredor.  

Simbólico encontro que foi o que debe ser un sempiterno recoñecemento na súa casa popular ás pulpeiras e pulpeiros da parroquia de Santa María de Arcos e do mesmo Carballiño, e entre os homenaxeados agasallaron a quen isto escribe, quizais, por sentirse, dalgún xeito, parte desa xente do camiño, dos de detrás dun mostrador, un sobrevivinte activo daquela primeira romaría dedicada ao pulpo e celebrada no parque un 17 de setembro , día do Patrón San Cibrao do 1964.  

Festa do pulpo que ten a súa importancia, base e referente inspirador para moitas outras que por toda Galiza seguirían despois a homenaxear aos seus produtos da Terra e do Traballo, como se fai nunha Misa, agora ao xamón, á lamprea, á empanada, aos pementos, ao lacón, ao marisco… Proba de que a tradición non traizoa. Acto sinxelo, con tanto público asistente como medios os que invadiron o estrado presidido polo Alcalde, Francisco Fumega, polo concelleiro de Turismo Manuel Dacal, polo de Cultura, Diego Fernández acompañado  doutras delegacións provinciais e de Pilar da Fuchela en representación do mundo do pulpo  Entre o público non faltaron os que son de “dito e feito”, unha simbólica  representación de pulpeiras e pulpeiros, ben coñecidos e queridos:  o Camilo  Ruzo, Aurora Baranda, Mari Carme do Floro e tantos amigos e amigas… mesmo, en anos mozos compartín baile de verbena con algunha delas. Alégrase un de recoñecer caras, de facer memoria, a nosa particular historia, de celebrar o traballo, a festa, a vida e unha vella amizade. Leccións ben aprendidas nesta encrucillada.  Animou ollar, quen pra min é un símbolo do meu tempo e da vila, Pepe Prada, sempre coa súa humildade e praxe, merecente de canto poida ofrecer a súa vila. Mesmo tamén alí estaba o arquitecto Fernando Blanco, amigo de infancia e inimigo de protocolos, tamén veciño meu como carballiñés na Coruña… E como non o historiador Xosé Luis Sobrado, atento tanto a presentes como a pasados, con  Manolo Amil, outro traballador de silencios, o que, mesmo agora fai posible que o que contamos transcenda. Ai iso si, non esquecerei que estivera, Ricardo Perea, fillo do alcalde Javier Perea e vello amigo, o que continuou animando a festa e lle pasou o relevo a  Argimiro Marnotes Rodríguez,  o verdadeiro impulsor da festa que nos trae aquí e que alí estivo representado tamén polo seu fillo Argimiro, tamén alcalde que o sucedeu. Non faltou, como non me falta nunca, Pili Caride, amigos e amigas, dunha e outra política, persoas que sempre mantiveron un trato familiar con quen isto escribe, quizais non tanto como meu amigo, compañeiro en colexios menores e maiores, que foi alcalde, que tampouco faltou, Pachi Vázquez, teño que dicilo: a súa unha vida carballiñesas, moi curtida en experiencias de camiños andados e que en algures debe contala. Non podía pedir máis entre os asistentes, onde non faltaba a miña irma Gracia e familia, pois ela como técnica de turismo e nesa lealdade, sempre a pe de obra, endexamais deixou de banda o Carballiño, correspondéndolle parte neste agasallo.

Festa do Pulpo 1982 (Autor Felipe-Senén)

Acto no que comezou falando o concelleiro de Turismo, Dacal e fíxoo enxalzando o mundo e a economía que deixa na vila esta tradición, referiuse ao meu curriculo, o que simplemente serviría con dicir o que eu mesmo digo: que son carballiñés de ida e volta, con todo o que comporta de sabia cultura dos camiños. Deseguido pasoume a palabra pra dicir o que xa digo aquí, pecando tamén desa ansia historicista de dar nomes e esquecer algúns, quizais os máis queridos, cousa que ben me pesa. Quixen dalgún xeito homenaxear a  Manolo Rodriguez, “Charrancas”, da liña da casa Gazpara, pulpeiro que casou en Melide e fundou a “Pulpeira de Melide”  pra establecerse con éxito na Cidade Herculina, a miña primeira parada e fonda nos anos de traballo nesta cidade…e como non tampouco faltaron os meus eloxios para a Aurora Baranda e ao seu empeño e riscos como emprendedora, dende Lugo á Coruña. De seguido falou Pilar da Fuchela, e alegreime de vela despois de tantos anos, case coma sempre, pola admiración que lle teño, polo seu tesón e mimar as esencias do camiño no mesmo Carballiño ou alí por onde vaia. Pechou este convite democrático  o  amigo e alcalde, Paco Fumega, insistiu no tema que nos reunía, xa pouco quedaba por dicir arredor dos produtos da Terra e do Traballo, ás tradicións, en todo caso a servidor que non se cansa de dicir que nestes tempos de macdonalización a orixinalidade radica nas orixes.

Rematado o acto o chifro do afiador do neno seguía a poñerlle vella música por Flores abaixo. Sentín non telo chamado e compensarlle o traballo de afiar unha tixola, uns coitelos e unha fouciña vellos… e mesmo pra premiar ao neno cun patinete do meu sobriño…

Festa do Pulpo 1985 (Autor Felipe L. López)

Esa celebrada Historia do pulpo que ven de Oseira, pasa por Marín e por outros portos….

Ao falarmos do pulpo e do se traballo, non se debe esquecer ao  finado profesor e antropólogo de Sobrado dos Monxes J. Antonio Fidalgo Santamariña, autor dun necesario libro, o que tamén me concedeu prologar “La Gran Pulpada” (1999) Páxinas nas que se bocexa a orixe da tradición comercial e gastronómica do pulpo . Asunto que se remonta aos saberes e á puntada con fío do mosteiro de Oseira e do seu portuario Coto de Marín. Mesmo do 1483 xa se recollen noticias de transaccións  do mosteiro e arrieiros, onde entre as mercadorías aparece o pulpo, entre outros peixes, como o congro e pescada. Páxinas nas que se trata do sistema de transporte, no carrexo dos produtos da montaña e do retorno cos produtos do mar… Negocios que melloran e medran cando na metade do século XVII e despois de moitas disputas se asenta a feira na encrucillada do Carballiño. Fidalgo Santamariña, pregunta, documentase e recolle a historia da celebración desta festa.

Os tempos da ditadura, a pesares das festas e dos disfraces, eran grises, eran de emigración, cando nos invernos na Residencia de Produtores se preparaban a mulleres emigrantes pra ir polo mundo e o expres , cada amencer partía cargado de emigrantes rumbo a Europa.

No inicio da Festa do Pulpo era alcalde o empresario de chocolates” La Torronesa”, Héctor González Godas, auxiliado por outros carballiñeses concelleiros polo que entón chamaban o Tercio Familar,  comisión de festas entre os que estaba, meu pai, Felipe-Luis e do que herdei esa ansia antiburocrática e máis de amor á paisaxe e ao exótico…Con il estaba un factotum entón, Ramón Valeiras, “o Labrador” disposto e emprendedor…Aquel cadrado de armadanzas da primeira festa pechábase con Luis Padrón, o sobriño de don Evaristo, delegado para algúns medios de comunicación e imprescindible na elaboración textos, programas e difusión da festa. Ademais eran concelleiros Abel Carballido, Román, Apolinar…

 A idea tivo a súa importancia, no seu substrato están as romarías, e no Carballiño as comidas e merendiñas que algúns grupos facían no Parque ou arredor de “O Pote”, entre eles a asociación de Pesca que por aquel entón presidía o Xuíz Xosé Antonio García Caridad…O certo é que era un Carballiño que mudaba en todos os aspectos, especialmente no físico, unha vila sempre en construción.

Festa Pulpo 1987 (Cartel Felipe L. López)

Primeiras festas aquelas que conciliaban a tradición enxebre de gaitas  e bandas de música como a de Padrón, con orquestras  entre as que non faltaba a Millara,  naquel ano a Poceiro, seguidas da gran “sesión de fuego fijo y volador”, neste ano a cargo da pirotecnia chantadina de Alvarez Cabo. E o 17, en programa a  Gran Festa do Pulpo, ás 17 horas no Parque, seguida dun partido de fútbol en Espiñedo entre o CD Ourense e o CD. Arenteiro…e no flamante Cine Rivas cada dous dias unha pelicula: “El León”, “Playas de Florida”, “El Crepúsculo de los audaces”, el “Mundo de Suzie Wong”. Ante o éxito repetiríase Festa do Pulpo o día 20… e volta os fillos de concelleiros e empregados do concello a servir aos comensais nun “xantar enxebre” deseñado en varias asembleas: que si caldo, anguías, pementos de Arnoia, carne ao caldeiro…e sempre por diante o homenaxeado, o pulpo…de sobremesa queixo da nabiza con marmelo…o menú mudou, quedando sempre o que se canta no refrán “Pra carne, pan pulpo e viño o Carballiño”. E así continuou coa celebración en setembro do 1965, agora no inicio das festas, un 12. E dado o éxito e co fin de desestacionalizar, a III celebración romeira pasa de setembro ao 21 de agosto de 1966 . Entón o grupo folclórico de Chantada “Os Barrios” anima a festa e ademais cóntase co humorista bergantiñán Xeixadelo, actúa a Coral de Ruada, que non é pouca cousa, ademais o grupo “Aturuxo” de Ourense, o éxito estaba trazado de xeito baril. Naquel ano de estreas tamén se inaugura o novo casino.

Os “carteis artísticos”…esoutra dimensión creativa e festiva

A Festa do pulpo medra en prestixio, aquece un “cartel artístico”, non hai problema pois o asunto é da especialidade dun dos organizadores, meu pai, Felipe Luis López López ( 1921-1997) que ate o ano do seu pasamento, o 1997, sigue facendo os carteis, logo despois e ata o 2014 encargáronseme a min, encantado de seguir cunha tradición que se pagaba en agradecementos e seguimos recibindo. Logo seguiu elaborando ea imaxe da festa Suso Carballiño, un dos grandes creadores de collage, quen sabe poñer cada cousa no seu sitio…e dende hai varios anos segue a tradición Ari Quintas Muñoz, outra Reque, coma min, con maxín e un gusto exquisito. Carteis que, como esixía meu pai, merecerían mellor papel, tamaño e menos texto que o que anuncia é simplemente o Carballiño, a festa e o seu día.

E a cousa non queda aí, no 2017 estreouse un himno, “Pulpeiriñas do Arenteiro”  musicado por Xosé Luis Foxo da Real Banda, que me pediu texto e adestrou máis ao seu xeito , pra  saír ao final un himno coral, nada axeitado a cantalo despois do xantar, onde sempre vence a Rianxeira…

E a vila  segue a celebrar esta historia interminable: o 1 de marzo do 2019  inaugura na Praza Maior a escultura de homenaxe ás pulpeiras, imaxe realista en bronce e cobre da autoría de Laura Rodríguez e nestes mesmos días coa dun pulpo cósmico, que parece aterrar no cruce do Irixo, obra de Acisclo Novo… E dis que xa se pensa no Museo do Pulpo, supoñemos que será un ecomuseo, isto é un lugar onde máis que ver e furar nesta historia, un pode poñer todos os sentidos na súa taberna enxebre, onde non faltarán representantes da asociación de pulpeiros e pulpeiras que o rexentarán.  Ben merece celebrarse a vila, a vida cos saberes da Terra e da Santa Tradición, as Crenzas carballiñesas, nesta ocasión cosidas cos sons agudos dun sobrevivinte chifro de afiador.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño